Os primeiros alcaldes da Coruña

Nomeábanse dous, só exercían de xuíces e os seus abusos obrigaron ao concello en 1380 a precisar as súas funcións


Desde que existe o concello da Coruña, xa no século XIII, hai alcaldes. A palabra ven do árabe al-qadi, que significa o xuíz. Na Idade Media o termo e a súa función pasou das cidades hispano-musulmás de al-Andalus ás cidades e vilas dos diferentes reinos hispano-cristiás. Será no século XIX, coa revolución liberal, cando se transforme na máxima autoridade pública ao fronte do concello. Pouco sabemos dos primeiros alcaldes ou xuíces da Coruña. A referencia máis antiga que hoxe temos data de 1244. Nese ano exercían como tales Phillipo Petri e Rodericus Martines. Como daquela o concello era aberto e estaba formado pola asemblea de todos os veciños reunidos a toque de campá, ditos alcaldes serían escollidos pola veciñanza, de acordo co establecido nos foros da vila coruñesa; serían pois alcaldes de foro.

Non temos máis noticias ata mediados do século XIV. Nesa época producíronse cambios transcendentais na administración municipal: o concello pasou a ser reducido ou pechado; só estaba formado polos cargos e oficios municipais nomeados polo rei ou escollidos pola oligarquía local. No caso coruñés sabemos que nese século existiron alcaldes do rei (nomeados polo rei) e alcaldes de foro (nomeados polo concello). Así en 1344 exerceu polo rei Thomás Fernandes de Oviedo, quen delegou en Johan Gonzales, e en 1347 foron alcaldes de foro os coruñeses Roy Boton e Llorenço Peres. Nese século as ordenanzas reais foron establecendo condicións para ser alcaldes. Nas Cortes de Alcalá de 1348 o rei Afonso XI determinou que para «tales juezes deven de ser puestos personas leales y de buena fama y sin cobdicia, y que ayan sabiduria para juzgar los pleytos derechamente por su saber y por su seso, y que sean mansos y de buena palabra a los que vinieren ante ellos a juyzio; y sobre todo que teman a Dios y a los señores que los ponen y les dan el oficio; porque si a Dios temieren guardarse han de pecar, y haran justicia con piedad; y si temieren a nos y a los señores que los pusieren, avran miedo y verguença de errar». Pero os alcaldes cobraban polas súas actuacións aos procesados, e iso excitaba a cobiza e provocaba abusos. Así pasou na Coruña.

Fartos das alcaldadas, o concello reuniuse o 2 de maio de 1380 no atrio da igrexa de Santiago. Acordaron precisar as normas procesuais e as taxas que podían exixir os alcaldes. Dito acordo sería despois referendado polo rei Henrique III en 1393, conservándose no Arquivo Municipal. Por el sabemos que na Coruña os que eran presos pagaban por durmir no cárcere «se fuere fijodalgo, doce maravedís, et se fuere vilán seis», que se un procesado presentaba como fiador a un veciño arraigado no podía ser preso ou se estaba no cárcere era posto en liberdade, que os alcaldes non podían actuar de oficio nos casos de feridas e inxurias se non había denuncia, que por selar calquera sentencia ou preito os alcaldes cobraban 4 marabedís, e que se alguén fose «encotado» (embargado) e quebrantase dito embargo pagaría ao alcalde 48 marabedís de multa. Xustiza medieval.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de A Coruña

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
13 votos
Comentarios

Os primeiros alcaldes da Coruña