Elviña reivindica As Irmandades da Fala e a historia da aldea

luis busto / c.a. A CORUÑA / LA VOZ

A CORUÑA CIUDAD

A veciñanza da parroquia recreou a andaina e a romaría que realizaron os galeguistas e as xentes do lugar hai cen anos

08 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Este sábado a Asociación de Veciños Os Rexumeiros de Elviña e Castro, Colectivo Literario In Nave Civitas e a Sociedade Cultural Deportiva Tempo Novo organizaron a «Romaría das Irmandades da Fala» en conmemoración da que fixeron os nacionalistas hai 100 anos.

«Villar Ponte dijo unas breves palabras y leyó un buen puñado de telegramas y telefonemas de adhesión. Todos ellos están escritos en gallego, naturalmente», relataba a crónica de La Voz de Galicia daquela época sobre a intervención do seu colaborador na romaría. Esta festa foi o primeiro acto público en defensa da lingua galega no que se xuntaron intelectuais e campesiños.

O reivindicativo día de onte comezou cunha ruta igual a que realizaran os galeguistas o século pasado. Os romeiros arrincaron ao mediodía desde os antigos terreos da Granxa Agrícola de Monelos, que hoxe é o aparcadoiro do mercado do barrio, como fixeran Lugrís Freire e Ramón Cabanillas. Ás 13.00 horas os camiñantes efectuaron unha parada técnica para repoñer forzas no local social Tempo Novo, en San Vicenzo de Elviña. «O núcleo histórico de Elviña é máis antigo que a cidade da Coruña», aclarou o antropólogo Luís Gomez. Despois de recuperar folgos, ducias de veciños subiron cara ao Castro, como fixeran os membros das Irmandades e os aldeáns. «A romaría sube polo camiño de Saramelos, que era o antigo camiño real. Iso non sae nos mapas nin nada», explicaba o veciño Manuel García. Onde antes había unha fraga hoxe está a Escola de Arquitectura, polo que os romeiros se desviaron do percorrido histórico das Irmandades da Fala pola actual rúa da Marea e polo camiño do lugar do Souto. «Coas expropiacións levan máis de 70 anos machacándonos. Moitas aldeas e lugares de Elviña desapareceron», afirmou Luis Trillo. Ao chegar ás 14.30 horas ao Castro de Elviña realizouse unha romaría. «Hai que recuperar a toponimia da zona. O xantar é nas Maceiras, ao redor do monte dos Crutos», declarou Luís Gómez dos Rexumeiros. O xantar campestre contou cunha gran variedade de pratos e bebidas que trouxeron os propios veciños de Elviña. A sobremesa prolongouse durante a calorosa tarde con cantos populares, pandeiretas e outras actividades. «A romaría fíxose aquí para reivindicar a historia do país galego, porque aquí estaba o castro galaico», explicou o veciño Luis Trillo.

Cen anos despois os veciños de Elviña seguen a reclamar a súa terra.