«Alén de xestos non houbo cambios reais neste mandato»

A asemblea local elixiu ao veterano político para abrir a lista e referenda a Avia Veira co número dous


A Coruña / La Voz

A algo menos dun ano o BNG xa ten candidato para as municipais, elixido, como é habitual no partido, sen debates externos e cunha única candidatura referendada onte en asemblea. A única concelleira do partido no actual mandato, Avia Veira, irá de número dous na lista encabezada por Francisco Jorquera (Ferrol, 1961), veterano nacionalista que foi senador e deputado antes de recalar na política da Coruña. Onte, minutos despois de que a asemblea o nomease candidato, explicaba en conversa telefónica cales serás as liñas do partido para recuperar o terreo perdido.

-Candidato na Coruña pero nado en Ferrol.

-Un é de onde pace, non de onde nace, e eu levo desde os nove anos na Coruña. Aquí naceron a miña muller e os meus fillos e considérome coruñés e ferrolán a un tempo, podería dicirse que son ártabro.

-Cal é o seu barrio?

-Crieime nos Mallos, preto da estación e resido no Castrillón, non lonxe da igrexa de Oza. Estudei nos Maristas e no Zalaeta, do que gardo un recordo excelente.

-O BNG formou parte dun goberno na Coruña e foi perdendo representación ata chegar á situación actual. Que pasou? É posible recuperar terreo?

-O BNG caracterizouse sempre pola autocrítica, por un afán de renovación constante e por tomar nota do ditame da cidadanía. Hai moitos síntomas de que o BNG é unha forza en recuperación, porque ten un proxecto sólido e é unha forza coherente fronte a ausencia de proxecto de outros que están en permanente debate sobre o que son e o que queren.

-Que análise fai da situación actual da cidade?

-Existe un sentimento maioritario de que a cidade está a perder pulso, non só pola incapacidade do goberno local, senón pola crise económica. Por exemplo, A Coruña foi a capital financeira de Galicia, onde estaban todas as sedes das grande entidades bancarias propias. Hoxe esas institucións desapareceron.

-Como valora ao actual goberno local?

-A Marea se ten caracterizado nestes tres anos pola ausencia dun proxecto de cidade, pola improvisación e a falta de iniciativa. Alén de cuestións xestuais non houbo cambios reais neste mandato. É necesario imprimirlle un xiro.

-Moitos votantes nacionalistas marcharon á Marea no 2015. Que farán para que volvan?

-Nós non imos ir contra ninguén. Imos traballar en positivo, explicando as nosas ideas e con ánimo de cooperar. O mapa político é cada vez máis plural e non é aventurado pensar que ningunha forza terá maioría absoluta nas vindeiras municipais, e o BNG ten capacidade de diálogo de chegar a acordos sempre que os cambios sexan para progresar.

-Para cando lista e programa?

-O día de hoxe [por onte] non é meta, senón inicio. Falaremos con todos os sectores para plasmar unha candidatura potente, aberta a persoas que non teñen por que ser afiliados. Falaremos con todos para facer un programa e traballaremos con honestidade, humildade e sendo receptivos. O obxectivo é aspirar a un modelo de cidade para vivir e para traballar. A Coruña ten que ser o motor económico e cultural de Galiza.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de A Coruña

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
8 votos
Comentarios

«Alén de xestos non houbo cambios reais neste mandato»