«Non entendo cómo non se fixera unha película de Marcela e Elisa ata agora»

FErnando Molezún A CORUÑA / LA VOZ

A CORUÑA CIUDAD

MARCOS MÍGUEZ

Alas A Coruña premiounas pola súa obra «Elisa e Marcela. Historia que parece conto»

11 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A ninguén parecerá estraño que a Asociación pola Liberdade Afectivo Sexual ALAS A Coruña se fixase na obra de teatro Elisa e Marcela. Historia que parece conto, á hora de conceder o seu premio Marcela e Elisa. Vaia, que parece feito aposta. Pero é que unha historia como a de estas dúas pioneiras dá para premios, teatro, cine e moito máis. Así o entenderon Ailén Kendelman, Noelia Castro e Areta Bolado, integrantes da compañía A Panadaría, cando decidiron levala aos escenarios.

Pregunta. Xa tardaba en levarse á ficción unha historia tan marabillosa como esta.

Ailén Kendelman. A nosa directora, Gena Baamonde, que foi en certa maneira a impulsora desta obra, dicía sempre que lle sorprendía que no 2017, que foi cando empezamos, non se tivese contado a historia destas dúas pioneiras nunha serie ou no teatro. E é moi certo, non entendo cómo non se fixera unha película de Marcela e Elisa ata agora.

P. E agora, tras de vos, ven Isabel Coixet. Falou con vostedes?

Areta Bolado. Sabemos que leva anos interesada e nesta historia pero que non puido facer realidade a película ata agora. Si que fixemos algún contacto. Sabe que estamos de xira con este espectáculo e convidámola a que viñera a unha representación. Estariamos encantadas se o fixera e poder falar con ela.

P. Levan xa meses coa obra, e aínda lle queda recorrido.

Noelia Castro. A estreamos en outubro do ano pasado e temos xira aínda ata novembro. Estaremos por toda Galicia e tamén temos algunha función en Portugal. E a ver se xurde algo a nivel estatal.

P. Funciona esta historia máis aló das nosas fronteiras?

A. K. É unha historia totalmente universal, e moi recoñecida a nivel europeo. Son dúas figuras moi reivindicadas. Xa na época na que casaron un montón de xornais de distintos países se fixeron eco da noticia. E mira que estamos falando de fai máis de cen anos. É unha historia que ten que coñecerse no mundo enteiro. E deixar ben claro que eran dúas galegas. Pero o que fixo Elisa non foi un caso tan illado. Falo do travestismo. Moitas mulleres nesa época tiveron que vestirse de homes para acceder aos estudios superiores ou para traballar en certas profesións.

P. Foi difícil encontrar o xeito adecuado de contar esta historia?

A. K. Fixémolo seguindo a nosa liña de traballo, que é abordar os temas dende o humor. Queriamos contar a historia destas dúas mulleres dun xeito irreverente. Tivemos que imaxinar como se coñeceron, a versión de cada unha delas, o seu paso polo cárcere, que lles puido pasar cando estiveron en Portugal, como puido ser o seu final... Pero era moi importante contalo dende a comedia, reivindicando que con humor podemos falar de temas moi serios. Non había que facer un drama desta historia.

P. Non foi arriscado tratar un tema tan delicado dende o humor?

A. B. Bufóns sempre houbo e vai seguir habendo. É algo necesario. Nós sentímonos cómicas. A comedia permite esa transgresión tan necesaria no teatro. É certo que nestes tempos facer calquera arte que pretenda ser reivindicativo ou simplemente dicir algo que poida resultar incómodo ten os seus riscos. Pero non tivemos problema ningún coa obra.

N. C. Nós sempre seguimos unha máxima, que é que o humor ten que ser cara arriba ou cara dentro, porque cara abaixo é opresión. Ten que servir para atacar aos poderosos ou para facer autocrítica, nunca para atacar aos de abaixo.

«O noso treatro é tan artesán como facer pan, de alí ven o nome de A Panadaría»

A historia de A Panadaría seguramente tamén daría para unha obra de teatro. O cruce de tres actrices cunha misión compartida, dedicarse ás artes escénicas có feminismo como bandeira e sen renunciar á máis poderosa das armas da comunicación: o humor.

P. ¿De ónde ven o nome de A Panadaría?

A. K. Foi unha proposta de Areta, porque na súa familia hai unha longa tradición de panadeiras. Ela non ía continuar coa tradición como tal, pero si que quixo facelo dalgunha maneira a través do teatro. Así que como o noso teatro é tan artesán como facer pan, onde nós somos os ingredientes, a materia prima, e o amasamos coas nosas mans, sempre á vista de todos. Gustounos esa comparación do teatro artesán como unha panadaría. E ademais faciamos así unha homenaxe ás mulleres da familia de Areta e, de paso, a todas as mulleres.

P. A compañía a conforman vostedes tres. ¿Non hai plans de crecemento?

A. K. De momento, nos tres espectáculos que levamos feitos, estamos as tres soas, aínda que no caso de Elisa e Marcela si que ampliamos o equipo. Isto nos permitiu coñecer outros xeitos de crear. Pero non queremos limitacións, quen sabe, igual nun futuro nin sequera estamos nos en escena. Todo dependerá da necesidade creativa de cada momento e de cada proxecto.

P. E despois deste éxito, ¿qué será o seguinte?

A. B. É que esta xira tennos moi ocupadas, porque podería estenderse ata o 2019. Pero si que estamos xa dándolle voltas a moitas ideas para futuros proxectos, aínda que non queremos que isto se converta nunha fábrica de churros. Mellor facelo con cariño e só o que nos apeteza facer ás tres.