A Coruña, porto e futuro

El diputado del PSdeG-PSOE Juan López Villoslada opina sobre el acuerdo de la Xunta y el Ministerio de Fomento para garantizar el uso público de los muelles de la ciudad


Coa lembranza do desastre do Urquiola de 1976 aínda na memoria, e o accidente do Mar Egeo de 1992, o Prestige arrasou en 2002 as nosas costas en busca de refuxio. Con seis quilómetros de oleoduto atravesando o subsolo da cidade á refinería, A Coruña necesitaba sen máis demora afastar do seu interior e da ría os tráficos marítimos perigosos e contaminantes.

Este era o obxectivo principal dos convenios asinados en 2004 polo Concello da Coruña, co alcalde Francisco Vázquez á fronte, o Concello de Arteixo, o Ministerio de Fomento e a Xunta de Galicia, representada polo Sr. Núñez Feijoo, daquela Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda. Os dous convenios asinados entre todas as Administracións afectadas tiñan por finalidade a reordenación urbanística dos solos do porto interior e da estación de ferrocarril de San Diego, vencellada á construción do novo porto exterior de Punta Langosteira.

Así, xunto á necesidade de mellorar a seguridade e a calidade ambiental da cidade, trasladando as actividades portuarias máis arriscadas ás novas instalacións exteriores, o novo porto buscaba tamén ofrecer aos operadores económicos unha nova infraestrutura dinamizadora da competitividade do sector do transporte marítimo.

Por certo, e só como apuntamento: para cando un debate valente sobre a unificación da xestión das instalacións portuarias de todo o golfo ártabro entre A Coruña e Ferrol para gañar en competitividade de mercadorías na fachada atlántica europea? Pero volvamos ao presente. Catorce anos despois, as circunstancias económicas, urbanísticas, mesmo sociolóxicas, cambiaron de forma substancial as previsións iniciais de ordenación dos peiraos de Batería, Calvo Sotelo e San Diego, así como os mecanismos de financiamento de Punta Langosteira e da súa urxente conexión ferroviaria.

Esta pasada semana tivemos ocasión de debater no pleno do Parlamento de Galicia sobre as recentes decisións unilaterais tomadas pola Xunta de Galicia e a Administración do Estado no protocolo que asinaron o 18 de abril sobre a reordenación portuaria interior da Coruña. Supuxo, e así o manifestamos, un desaire institucional de primeira orde a toda a cidade. O interese xeral de toda a veciñanza da Coruña non é monopolio, nin de quen se considera único representante do «ben común», nin do presidente da Xunta ou do Ministro de Fomento que, desde Santiago ou Madrid, pretenden decidir o futuro dunha parte clave da cidade sen contar cos coruñeses a través da súa alcaldía.

Por iso, os socialistas vimos reivindicando de forma clara a necesidade de revisar os convenios de 2004 para adaptalos ás circunstancias actuais. Apoiamos e reclamamos unha xestión consorciada. Os propios convenios estipularon unha comisión formada por todas as Administracións competentes para discutir, e acordar, as solucións urbanísticas que actualmente supoñen un reto de futuro para A Coruña.

O Concello non pode ser un invitado máis, un convidado de pedra, ante unha decisión predeterminada polo Goberno galego e o Ministerio de Fomento; debe ser actor principal. Para buscar as mellores solucións de desenvolvemento portuario e urbano da Coruña tamén dispoñemos do necesario coñecemento; contamos na nosa Universidade con contrastados equipos de enxeñaría portuaria, economía, arquitectura ou socioloxía para identificar e planificar de forma multidisciplinar o reto que todos temos por diante. Outras cidades como Bilbao, Barcelona, Valencia, Xénova ou Ámsterdam fixérono con intelixencia. Abordemos o noso futuro tamén de forma intelixente, con diálogo e con ambición.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de A Coruña

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
12 votos
Comentarios

A Coruña, porto e futuro