Lembranza dun home bo no barrio dos Castros

M.ª Luisa Varela

A CORUÑA CIUDAD

PACO RODRÍGUEZ

24 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Rogelio Suárez, por un motivo ou outro, coñeciámolo moitos de nós: primeiro, como empresario e dono da sala de festas La Perla; logo, como directivo da asociación de veciños San Diego-Os Castros e da Federación de Asociacións Veciñais da Coruña e Área Metropolitana. E principalmente, por ser un dos artífices de que o barrio dos Castros celebre todos os anos, con moito traballo e esforzo, as festas do Carme.

Rogelio, agora que perfilamos quen es, para aqueles que non tiveron o pracer de coñecerte en persoa queremos aproveitar estas liñas para dicirche o moito que significaches para todos os que te coñecemos. Podiamos verte en calquera lugar da Coruña, participando en todo aquilo no que podías. Podiamos verte traballando para organizar as festas dos Castros ou para publicar unha revista na que nunca esquecías lembrar o pasado do barrio e as persoas ás que querías. A partir de agora, non vas axudarnos co teu coñecemento nin nos vas contar a cantidade de cousas que fixeches. Pero si quedará entre nós o teu bo facer e todo o agarimo que sempre puxeches en todos os teus actos. E sobre todo, quedará connosco o teu recordo inesquecible.

Rogelio, sempre fuches un de nós e sempre te lembraremos como un home bo.