Un novo modelo de mobilidade

Gael S. Rivas TRIBUNA ABIERTA

A CORUÑA CIUDAD

EDUARDO PEREZ

19 mar 2018 . Actualizado a las 10:46 h.

Dende hai décadas, a peonalización é unha das principais estratexias adoptadas polas cidades para mellorar e revitalizar os seus centros históricos. Así, a meirande parte dos cascos históricos europeos foron xa peonalizados, tanto co obxectivo da súa rehabilitación como da súa revitalización, que de xeito emerxente hai que encadrar tamén na consolidación dunha nova cultura da mobilidade, vencellada ao transporte público, a bicicleta e ao peón, como no caso das masivas peonalizacións que están a realizar moitas cidades norteamericanas.

Non obstante, non fai falla remitirse ás notables experiencias de peonalización dos centros históricos de cidades europeas como Boloña ou Copenhague, cando no noso entorno máis próximo hai prestixiosos exemplos como Pontevedra, Santiago de Compostela ou cidades portuguesas como Braga e Guimarães. Mesmo cada vez máis moitas vilas galegas están peonalizando os seus centros. Neste senso, e a pesar de promesas e intentos anteriores, a Cidade Vella da Coruña representa unha anomalía, polo que o anuncio da súa definitiva peonalización é unha boa nova.

Sen dúbida, existen exemplos dos que aprender á hora de deseñar e implantar a peonalización da Cidade Vella da Coruña, pero cada cidade ten as súas propias características que será preciso afrontar, máis alá dos conflitos e debates que acostuman a xerarse nestes procesos. Neste senso, os principais conflitos orixinados están relacionados coas dificultades de acceso en automóbil, como medio prioritario, e o aparcamento, tanto de veciños como de visitantes, así como na distribución das mercadorías comerciais.

A solución implica actuar de xeito local, establecendo distintos graos de restrición do automóbil, sempre supeditados á prioridade do peón, proporcionando alternativas a veciños e comerciantes, pero tamén actuar a nivel global na mobilidade da cidade, fornecendo a accesibilidade en transporte público, en bicicleta e no modo peonil aos visitantes.

En calquera caso, a peonalización da Cidade Vella debería entenderse como unha actuación fundamental encadrada dentro dunha estratexia de revitalización moito máis ampla e reclamada dende hai anos, sendo necesario actuar canto antes.