Xulio Ferreiro: «De aquí a final de ano imos ver un montón de cousas en marcha»

O rexedor nega que haxa parálise: «Que hai cidades con máis licenzas? Si. Tamén as hai con menos»

;
«De aquí a final de ano imos ver un montón de cousas en marcha» O rexedor nega que haxa parálise: «Que hai cidades con máis licenzas? Si. Tamén as hai con menos.

A CORUÑA / LA VOZ

A rixidez decorativa da planta nobre do palacio de María Pita é o escenario no que, despois de case mil días á fronte da alcaldía, Xulio Ferreiro (A Coruña, 1974) proclámase como «un deses intrusos» que alcanzaron o poder nas municipais do 2015. Arrinca o terceiro exercicio do seu mandato e por primeira vez o goberno en minoría de Marea Atlántica (10 de 27 concelleiros) contará con orzamento novo aprobado en tempo, grazas ao apoio que lle brindou o PSOE. Asegura que iso lle permitirá poñer en marcha proxectos que xa se anunciaban como prioritarios en anos anteriores e afronta este ano decisivo antes das municipais do 2019 cun redobrado enfrontamento coa Xunta.

-Como vai influír na xestión ter presuposto case no arranque do ano e en que o van percibir os cidadáns?

-Cando un empeza cos orzamentos en xuño ou xullo, como pasou estes anos, hai moitas cousas que non da tempo a que arranquen. De aquí a final de ano o que imos ver é un montón de cousas en marcha. Proxectos pequenos, medianos e grandes. Dende as cubertas de Riazor, que vai ser o investimento máis grande deste ano con case sete millóns de euros, a renovación do mercado e a praza de Monte Alto, o mercado de Santa Lucía creo que en obras tamén, o de Durmideiras xa moi avanzado, e pequenas actuacións como a ruta accesible entre Mestre Clavé e Federico Tapia ou o carril bici.

-Unha das críticas que recibiu estes anos foi pola baixa execución orzamentaria que achacou ao retraso nos orzamentos. O PSOE este ano os apoiou, pero, nun discurso moi crítico, dixo que se acabou a escusa do bloqueo da oposición.

-A premisa non é correcta. A execución orzamentaria destes anos foi alta, superior as dos anos do PP. Outra cousa é no capítulo concreto dos investimentos, que si é baixa. Precisamente son os que requiren o ano enteiro. O cambio do PSOE creo que se debe a que percibiu que o camiño que levaba non era positivo para eles, que a cidade estaba sufrindo e o propio Partido Socialista estaba sufrindo porque a situación é difícil cando invistes a un goberno pero despois lle negas o pan e o sal. A cuestión de confianza do ano pasado marcou un punto de inflexión. Nós puxemos todo o empeño por entendernos.

-Vistos os resultados, tivese preferido un goberno de coalición co PSOE?

-Un toma as decisións en cada momento coas circunstancias que se dan en cada momento. Foi unha cuestión que estivo enriba da mesa. O que se lle trasladou ao PSOE é que non se daban as circunstancias, porque pola desconfianza entre ambas partes o cambio dun día para outro era complicado. Non foi posible crear as condicións para formar un goberno de coalición.

-Pero, polos resultados da xestións, houbera sido mellor para os cidadáns?

-Pois non o sei, porque a dúbida é como tería sido a xestión de dúas forzas políticas que naquel momento tiñan unha profunda desconfianza entre si. Tería sido iso mellor que un goberno que está unido? Entendemos que os pros da situación actual eran mellores para a gobernabilidade da cidade.

-Vostede rexeita as críticas de paralización económica, pero os últimos datos do IGE corroboran a caída de licenzas de obra nova, e os de Emprego, a peor recuperación do mercado laboral.

-O que di a serie estatística é que as licenzas entre o 2011 e o 2015 son moitísimas menos que entre 2015 e 2016. E hai agora menos xente desempregada. Poderíamos discutir se a cidade podería estar mellor, e efectivamente estamos traballando para estar mellor. No 2015 hai só unha licenza, que non sei se foi durante o semestre que gobernou o PP o no que gobernamos nós, pero o seguinte ano só gobernando nós hai sete. Que hai cidades que teñen máis? Si. Tamén hai cidades que teñen menos.

-A relación coa Autoridade Portuaria non é boa, con polémicas pola Mariña, o Parrote, A Solaina. Agora está sobre a mesa unha cuestión capital para o futuro como é a reforma da fachada marítima. Cal é a súa proposta?

-Eu xa a trasladei á Xunta, a Portos do Estado e a Autoridade Portuaria a proposta de crear un grupo de traballo, cunhas premisas: creación de espazos libres en Calvo Sotelo e Batería, incluso con algún edificio singular de equipamento público, e traballar no cambio urbanístico de San Diego, tendo en conta que debe ser un pulmón económico. Nós falamos do distrito do mar, un espazo de innovación, de economía azul. Danse as condicións de conectividade coa cidade e o resto da área. E queremos que se faga a partir dun instrumento como o consorcio, que é o que lle vai permitir á Coruña ser protagonista do cambio. A día de hoxe non temos resposta.

-A proposta do distrito do mar exclúe a construción de vivendas en San Diego?

-Hai que definir o obxectivo principal e que usos son compatibles. Se dedicamos todo ese espazo a uso residencial estaríamos repetindo erros do pasado. Non é un modelo sostible nin factible.

«Hai unha estratexia sistemática de boicot contra A Coruña por parte das institucións gobernadas polo PP»

A tensión das relacións do goberno de Ferreiro con outras Administracións, especialmente coa Xunta e con Fomento, están a provocar demoras en proxectos de gran calado, como a estación intermodal, o centro de saúde da Falperra e, sobre todo, Alfonso Molina. O proxecto do acceso a cidade estaba rematado cando a Marea accedeu á alcaldía, pero pediu que se modificara. Este venres, Ferreiro subiu un ton no enfrontamento e acusou á Xunta de dar instrucións aos funcionarios para demorar proxectos da cidade.

-A relación con outras Administracións non é fluída. Toda a culpa é dos outros?

-As criticas a Xunta desde outras cidades, como por exemplo Vigo, creo que son incluso máis fortes. O que creo é que hai unha estratexia sistemática de boicot a cidade da Coruña por parte das institucións gobernadas polo PP. Iso é así, salvo moi contadas excepcións. O PP fai campaña permanente desde onde goberna.

-Cando foi a última vez que falou con Fomento sobre Alfonso Molina?

-O actual ministro non tivo a ben reunirse comigo nunca para tentar acelerar as cousas. Con Ana Pastor si tiña boa relación, reunímonos en dúas ou tres ocasións. Sendo ministra pechamos o acordo e polo tanto todo o retraso dende entón é responsabilidade de quen o ten que tramitar. Canto dilatou o cambio de criterio entre esta corporación e a anterior? Aproximadamente cinco meses, que para a mellora que lle dimos ao proxecto foron cinco meses ben empregados. Eu quíxenlle preguntar ao ministro pola tramitación das obras, pero ata agora non puiden. E todos os alcaldes da área metropolitana están dicindo o mesmo das obras de Fomento. Sucede coa Pasaxe ou con Sol e Mar, e aí non é responsabilidade deste goberno municipal.

-E a estación intermodal?

-En novembro a conselleira aceptou as modificacións que se propuxemos en abril. Se as aceptasen en abril teríamos gañado sete meses. Todos vimos que o que se nos presentou era un proxecto con eivas, e traballamos para melloralo. Non queremos que se fagan obras chapuceiras na Coruña. Se alguén prefire enredar... iso son tácticas que cada quen manexa.

-Pero ese boicot dáse no caso da Coruña e non, por exemplo, con Santiago, que xa ten o proxecto da intermodal?

-Non sei se escoitades a Abel Caballero cando fala da Xunta de Galicia. No caso da intermodal, pois si, en Santiago avanzou máis. Pero esta queixa a ten Vigo cando ten uns orzamentos da Xunta para 2018 dez veces máis que A Coruña, cando Ourense ten tres veces máis. Creo que son datos de que non hai unha aposta pola Coruña. Dende 2015, cada ano hai menos diñeiro para Coruña. Que cambiou desde o 2015? O partido que gobernaba.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de A Coruña

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
23 votos
Comentarios

Xulio Ferreiro: «De aquí a final de ano imos ver un montón de cousas en marcha»