Cantando os Reis polo aguinaldo

Por Xosé Alfeirán

A CORUÑA CIUDAD

ALBERTO MARTI VILLARDEFRANCOS

En 1918 coros de labregos aínda cantaban nos mercados coruñeses a véspera do día 6

08 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

«Aquí estamos señores, / despuestos para cantar / las historias de los Reises / se las quieren escuchar. / De los orientes van tres Reises / todos tres en compañía / adorando al Verbo Eterno / que en Belén nasido había. / Llaman por su capitana / una estrella que los gía, / la estrella que los giaba / como un sol resplandecía. / Llegan a casa de Herodes / por hospedaje de un día / a voses van preguntando / por el que nasido había».

Cunha man tras da orella e a outra apoiada nun bastón ou no ombreiro do compañeiro, o fato de homes seguía cantando, ao compás dunha gaita ou dun acordeón, o antigo romance transmitido oralmente, xeración tras xeración. Mantiñan viva una tradición galega: cantar os Reis por casas e mercados. A composición, longa e inxenua, continuaba relatando as peripecias polas que pasaron os Reis Magos, o que fixo Herodes matando aos inocentes, como chegaron ao portal de Belén e os presentes -ouro, incenso e mirra-, que entregaron. Logo facían un chamamento á xenerosidade e pedían o aguinaldo. A cambio do seu cantar solicitaban comida ou viño:

«Hoi es vispra de los Reyes, / primeras fiestas del año; / donde hai damas y doncellas se les pide el aguinaldo. / También nosotros pedimos/ a este caballero honrado / que nos deje de lo suyo / del mucho que Dios le ha dado. / Déanolo aguinaldo / anque sea pouco / un bó bacalao / e máis metá doutro: / de postres compota / e tamén castañas / boenas e ben grandes / un molete enteiro / e un queixo de Flandes». En caso de que así acontecese, remataban cun «Deus cho pague», e senón cunha estrofa ferinte.

Con variantes nas estrofas, estas composicións cantábanse por toda Galicia. A súa orixe pérdese no tempo e están relacionadas cos cantares cultos e romances relixiosos medievais adaptados e transformados polo pobo ao longo dos séculos. A comezos do XX, momento no que empezan a ser recollidos por escrito, recitábanse mesturando galego e castelán, sendo os seus cantores labregos pobres e os seus principais destinatarios os fidalgos e señoritos rurais ou os burgueses das vilas e cidades.

En Abastos e con Picadillo

Os versos aquí transcritos foron coleccionados nas aldeas dos arredores de Santiago polo avogado e xornalista José María Moar, quen as publicou o 3 de xaneiro de 1919 en El Correo de Galicia. Sen embargo a escena recreada aconteceu na praza de abastos da Coruña (hoxe mercado de San Agostiño) en 1918. Así o conta o periodista de El Noroeste na súa crónica publicada o 7 de xaneiro: «Siguieron los grupos de campesinos de las cercanías cantand’os reises y de mañana recorrieron la plaza de abastos y demás centros de comer y beber entonando los romances de sabor tan arcaico y regional, aun cuando algunos se acompañasen con el inaguantable acordeón». Tamén sabemos que ían a cantar á casa do que foi alcalde da Coruña Manuel María Puga y Parga, coñecido como Picadillo, no seu pazo de Anzobre en Arteixo, grazas a descrición feita por Wenceslao Fernández Flórez nun artigo publicado tamén en El Noroeste o 7 de xaneiro de 1913. As tradicións nacen, desaparecen, mutan; os galanos dos reis permanecen.