«O disco é só un punto do proceso»

Dolores Vázquez A CORUÑA / LA VOZ

A CORUÑA CIUDAD

JUAN LUIS RÚA

Gelria presenta hoxe no Garufa «Cantos de poeta» e o avance do que será o seu segundo traballo

04 ene 2018 . Actualizado a las 17:07 h.

Gelria, o trío integrado pola catalá Elena Tarrats (voz) e os coruñeses Federico Mosquera (piano) e Mario G. Cortizo (percusión), é un proxecto singular e, cando menos, sorprendente por ser un primeiro traballo que vai máis aló do concepto de disco, o seu debut é unha antoloxía musicada da poesía galega, unha escolma pola que se pasean as voces de Curros, Novoneyra, Manuel Antonio, Cabanillas, Aquilino Iglesia, L. Pimentel, Rosalía, Celso Emilio, Méndez Ferrín, Cunqueiro, Graña, Manuel María, Luz Pozo e Chus Pato, un cedé acompañado cun libro de impecable factura introducido no musical por Xosé Lois Romero e que engade creación lírica de Manuel Rivas. Cortizo (A Coruña, 1986) avanza que hoxe no Garufa Club (21.30 horas) haberá novas.

-O proxecto é do 2016, como evolucionou?

-Estamos moi contentos co percorrido do disco, fixemos máis de 30 concertos con Cantos de poeta e saímos tamén de xira con Carlos Núñez e agora é como volver a casa, porque Federico e máis eu somos da Coruña. Fixeramos presentación en Berbiriana e o ano pasado estivemos con Núñez no Rosalía, pero este será o primeiro concerto noso aquí. Estamos descubrindo unha cousa que nos encanta que é que a música é un elemento vivo, que se transforma sempre e a fixación nun soporte, como pode ser o un disco, é só un punto do proceso. A música cada día é diferente e os concertos son diferentes, e, de feito, no concerto do Garufa imos comezar a tocar novo repertorio, que nos vai a levar a facer un disco neste 2018, probablemente.

-Co mesmo proceso de musicalizar a poetas?

-Seguiremos nesa liña, pero dando peso á música e a creación contemporánea. Neste traballamos con textos clásicos, consagrados e precisamente por Cantos de poeta, e por concertos en festivais de poesía, estamos a coñecer poetas, xente nova da nosa xeración que nos move moitísimo máis do que nos pode mover unha persoa que escribiu hai 150 anos. Non imos avanzar máis, porque só temos catro cancións feitas.

-Hai continuidade, entón.

-Había anos que queriamos facer Cantos de poeta, con esta metodoloxía e por iso xurdiu o grupo, pero a partir de aquí descubrimos que nos encanta tocar xuntos, que funciona ben. O disco non é o uso, porque gústanos facer diferentes partes do noso traballo, cada cousa é un elemento coidado e bonito para que a xente o poida gozar, que non sexa o mesmo ir a un concerto que escoitalo na casa. A min como público encántame ir a concertos que son únicos. Nos estándares do pop o obxectivo é que sexa o máis fiel ao que soa na casa, pero para nós a música é viva e pasan cousas, e improvisamos e o noso obxectivo é estar presentes e reaccionar ao que pasa, ver a empatía do público, porque senón é como non telo en conta.

-No disco eran 13 músicos amparándoos, como é o directo?

-Por iso dicía que o disco é un punto moi concreto do proceso porque nós somos un trío. Con percusión, piano e voz están os tres elementos da música: o ritmo, a harmonía e a melodía, e iso sempre está aí, pero por Galicia de xira imos con cuarteto, cun contrabaixo. As veces temos colaboracións, e gústanos o de deixarnos levar e compartir coa xente, ver que require cada espazo.

-Seguen separados fisicamente?

-Elena e eu, en Barcelona, e Federico, en Róterdam. E así traballamos no novo disco, traballamos moito por Internet. Un compón, manda a partitura e imos facendo probas e despois buscamos un días para atoparnos fisicamente, ensaiar e facer maquetas. É a vida que toca hoxe aos músicos freelance.

-Que fan fóra de Gelria?

-Federico é profesor na universidade de Róterdam, no conservatorio e é compositor freelance. A Orquesta Sinfónica de Galicia estreou unha obra súa a temporada pasada, escribe moito para grupos de cámara, e ten moita vinculación a Galicia agora pola composición. Elena é actriz e cantante, e traballa tanto en teatro, como en teatro musical e televisión e eu son percusionista freelance, traballo na orquestra do Liceo, na ópera e en diferentes orquestras.