«A Xunta recoñeceu que estabamos infrafinanciados, imos polo bo camiño»

montse carneiro A CORUÑA / LA VOZ

A CORUÑA CIUDAD

CESAR QUIAN

O reitor coruñés eleva aos consellos unha proposta de orzamentos para o 2018 con melloras importantes

14 dic 2017 . Actualizado a las 17:27 h.

A Universidade da Coruña aprobará a semana que vén os orzamentos do 2018, máis de 123 millóns de euros que apenas representan un 3,22 % de suba respecto do ano pasado, pero que enfrontados ás contas dos últimos exercicios mesmo abrigan algunha alegría. Cadra nun ano que ademais incorpora melloras no sistema de financiamento que o propio reitor, Julio Abalde -pouco dado á vehemencia-, celebra sen reparo.

-Non houbo un só voto en contra dos orzamentos na reunión do claustro. Son tan optimistas?

-Son unhas contas boas comparadas coas dos últimos anos. Hai que seguir mantendo o rigor orzamentario, porque a situación aínda non é a óptima, pero hai un equilibrio e iso é o que o claustro valorou, penso, o esforzo orzamentario e o recoñecemento por parte da Xunta de que estamos infrafinanciados e imos polo bo camiño.

-Mantense a tutela da Xunta co teito de gasto e as restricións ao incremento da masa salarial. Que marxe teñen para contratar profesores?

-Moi complicado. Efectivamente temos limitado o capítulo 1 [gastos de persoal] e así ralentízase todo o proceso de promoción dunha bolsa importante de persoal que o merece. Pero teño que subliñar que con teito e todo conseguimos manter os programas de estabilización do profesorado sen praza e de promoción do persoal docente e investigador.

-A achega da Xunta correspondente ao fondo estrutural abonda para cubrir o capítulo I?

-Non. Hai un desfase importante, 20 millóns de euros, que temos que sacar doutro sitio. Este problema sufrímolo as tres universidades do sistema galego e de aí vén a reclamación que levamos tempo presentando. A cada unha lle corresponde unha cantidade por alumno...

-Ou por crédito?

-Por crédito matriculado. Aí está o nó gordiano do asunto. Antes o cálculo facíase cunha fórmula que era inxusta, e agora, por vez primeira, o módulo por crédito ou, dito doutro xeito, o que a Xunta paga, é igual para as tres universidades. Eu teño que agradecer a receptividade que atopamos nas consellerías de Educación e Facenda e que entre todos foramos quen de ver onde estaba o problema que causaba a disparidade, e resolvelo.

-O malo é que, reparta como se reparta, o saco é o mesmo.

-Así é, a cuestión é cómo facer que o fondo estrutural se achegue máis aos custos do cadro de persoal e xerais da UDC.

-Se lle parece, falamos de onde capta os cartos a universidade. A Xunta...

-Temos 71 millóns dese fondo estrutural que debería garantir os custos docentes e de funcionamento, e outros 15 do fondo de resultados, que se reparte en función da capacidade docente, investigadora e de transferencia. Esta asignación medra, o que indica que mellora o noso rendemento.

-As matrículas dos alumnos.

-16 millóns, pero veñen das matrículas e dos prezos públicos, que tamén aportan, sobre todo coas matrículas conxeladas desde hai cinco anos por unha política da Xunta coa que concordamos plenamente. Mesmo pediríamos que os prezos dos mestrados se igualasen cos dos grados. Á baixa, quero dicir.

-Mecenado, contratos con empresas, concursos...

-O mecenado en España non está asentado como nos países anglosaxóns...

-Tampouco a universidade ten a relación coa sociedade dos países anglosaxóns, non?

-É certo. E estamos facendo un esforzo grande para que esa relación aumente. Coas cátedras, os programas con Inditex, co Banco Santander, Emalcsa, Tranvías, co incremento de fondos, finalistas, iso si, a través dos contratos do artigo 83 [da LOU, referidos a contratos con empresas] e a actividade nos centros tecnolóxicos, que cada vez é maior, suman outros 10 millóns, ata os 123 do orzamento completo.

«Apelo á sociedade porque ela empuxa ao goberno e porque a ela lle rendemos servizo»

Unha das novidades felices dos orzamentos do ano que vén vai ser a incorporación dunha partida de 1,4 millóns de euros como compensación do infrafinanciamento rexistrado no anterior plan 2010-2015, que motivou un recurso contencioso-administrativo por parte da UDC.

-Que van facer con eses cartos?

-A contía é importante, pero prefiro destacar o valor simbólico desta sentenza, porque significou que o que diciamos que estaba sucedendo non era un capricho, senón unha valoración baseada na realidade, e o feito de que se recoñecese reafirmounos a nós e ao traballo que estabamos intentando sacar adiante.

-Tomábanos por choróns.

-Dicían que o que tiña que facer a Universidade da Coruña era ser eficiente e que así xa se resolvían os problemas. E demostramos que eficientes xa eramos e que o que nos chegaba era demasiado pouco. Todo isto desde unha relación de lealdade, que é como entendo que ten que ser. A cantidade de veces que fun a Santiago coas miñas táboas para intentar facer ver que algo fallaba...

-Se puidese elixir entre a supresión das restricións pola lei de estabilidade e o incremento do fondo estrutural...

-Gustaríame ter capacidade para atraer e reter talento e que a sociedade en xeral entendese que o que está investindo en educación superior non abonda.

-Pensa que a sociedade non o ve así?

-Eu apelo á sociedade porque se ela empuxa, o goberno é máis sensible, e sobre todo porque lle rendemos un servizo que hai que intentar transmitir, o traballo serio, rigoroso e fiable da Universidade ao servizo da sociedade.

-Non avanzou nada dos centros.

-Haberá incremento do gasto nos centros. Queremos compensar algo as importantes restricións dos últimos anos.