Os fillos de Tomás Barros doan á RAG o seu arquivo persoal

O legado recollido en 16 caixas inclúe a súa correspondencia con intelectuais como Gerardo Diego, Díaz Pardo ou Otero Pedraio


A Coruña / La Voz

«Eu se tivera tempo pasaríame varios días revisando todo este material». Era o comentario que facía onte Xesús Alonso Montero vendo parte das 16 caixas nas que estaba o arquivo persoal de Tomás Barros Pardo (Toledo, 1922 - A Coruña, 1986) que os seus fillos doaron a Real Academia Galega. O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, lembrou a Barros como o impulsor de revistas como Aturuxo e Nordés, esta última «xunto con Luz Pozo Garza, que hoxe non pode estar aquí». Tamén falou Freixanes da importancia da correspondencia deste «dinamizador cultural» con intelectuais do seu tempo como Celaya, Celso Emilio, Gerardo Diego ou Luz Pozo. «Este legado fortalece á Academia e é unha oportunidade para ordenar a memoria histórica e as achegas de Tomás Barros á cultura galega e á cultura en xeral».

Tomás Barros naceu en Toledo, pero con seis anos a familia trasladouse a Ferrol, onde con 14 anos aprendeu a pintar con Bello Piñeiro, aínda que axiña quedou cativado polas vangardas. En 1959 trasladouse á Coruña e, ademais de dar clases de debuxo na escola de Maxisterio, escribiu poesía, teatro e ata ensaios filosóficos, ademais de ser «anfitrión de moitos poetas», dicía Freixanes.

O legado doado á RAG inclúe borradores dalgúns dos libros de Tomás Barros, cadernos, textos literarios, fotografías ou recortes de prensa.

Como «un home moi humano» cualificou a Barros a súa filla Araceli, que salientou a importancia da súa nai, Sara Cao, tanto en vida do artista, «se meu pai puido facer moitas cousas foi por ela» como na custodia do legado que entregaban á Real Academia Galega.

Tomás, o fillo, profundou na obra do seu proxenitor e salientou o seu interese pola filosofía, desexando que alguén sexa quen de «extraer a súa parte filosófica», á que se pode chegar a través de dous ensaios nos que traballou, La teoría de los contrarios e Los conflictos ideológicos y las tres modalides de conciencia, parte deles recollidos nos artigos publicados nas súas colaboracións neste xornal.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de A Coruña

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

Os fillos de Tomás Barros doan á RAG o seu arquivo persoal