As profundidades do barrio

Diego Ameixeiras 1.280 ALMAS

A CORUÑA CIUDAD

20 oct 2017 . Actualizado a las 05:05 h.

«Faltáballe á cidade, penso, un pequeno roteiro de paixóns acubilladas en espazos íntimos, diluídos na néboa dos outonos, na fecunda intimidade das Atochas, do Orzán ou da Falperra, a Rabiada doutros tempos». Son palabras de Manuel Lourenzo. No preludio ás tres pezas que compoñen Suite Artabria, último Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, o dramaturgo refírese á Coruña tribal e cosmopolita dos barrios. Pero o seu propósito ten que ver cunha xeografía universal que nos interroga a todos, así que tanto ten que non sexamos desa cidade «pouco dada a afundirse nas pucharcas da melancolía». Os arrabaldes son idénticos na súa diferenza e distintos na súa semellanza. Son a extensión necesaria da vida.

Os barrios delimitan as entrañas da cidade, amámolos porque no seu latexo conflúen todos os heroísmos. «Algo do humano rematou irremediablemente», escribiu Pasolini describindo o crepúsculo moral dos suburbios romanos, daquela degradados e terribles, xa sen código de comunidade. Nos textos de Lourenzo advertimos esa pesadume histórica, tamén a gioia resolta dos perdedores. O xúbilo subversivo de quen vive facendo equilibrios nas marxes da urbe. No barrio entendemos que o drama da subsistencia está aquí, dentro de nós, exhibindo cada día as súas violencias. Son as Atochas ou a Falperra, pero son todos os arrabaldes do mundo. Vai ser difícil ler en moito tempo algo que brille á mesma altura que esta fascinante suite das profundidades.

AUTOR

MANUEL LOURENZO

EDITORIAL

XERAIS DE GALICIA

128 PÁXINAS

16 EUROS