«Estase a penalizar, incluso a castigar, á muller cun embarazo desexado que ten que abortar»

R. D. A CORUÑA / LA VOZ

A CORUÑA CIUDAD

29 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O director do COF de Orillamar, Xosé Vidal, segue a marcarse obxectivos para mellorar a asistencia. Como que o COF do Ventorrillo recupere unha praza de xinecólogo, de xeito que eles, que dende o 2013 asumen toda a área sanitaria, poidan volver facer os exames periódicos de saúde. Pero, en especial, pide polas mulleres con dereito á interrupción do embarazo por enriba da semana 14 da xestación.

 -Foi unha das demandas na reunión co xerente do Chuac.

-Díxonos que era un tema prioritario na súa axenda. Estamos á espera porque dende o verán pasado, cando se dixo que aquí non se faría ningún aborto mentres non houbera protocolo, segue todo igual. As mulleres son derivadas á clínica concertada Isadora en Madrid e agora ademais teñen que adiantar os cartos para desprazamentos, durmir, a comida... Antes dábanlle un bono, pero agora primeiro adiantan e despois teñen que ir a Durán Loriga a reclamar a devolución.

-O que piden é que se atendan no Materno, ¿non?

-Pedimos que a muller, en igualdade de condicións técnicas e asistenciais, poida escoller. A maioría preferiría facelo aquí porque a situación anímica é tremenda e no seu entorno sempre tería máis apoios. Son moi poucos casos, o ano pasado 28 ou 30, e só dous se atenderon aquí e porque eran case de vida ou morte e só se podían facer nun hospital terciario con UCI. Se a calquera muller embarazada hai que tratala ben, a estas que son embarazos desexados aos que no segundo trimestre, cando se lle fan as probas, se lle di que hai unha malformación grave... que por enriba teñan problemas administrativos e burocráticos non ten sentido. Estanse a penalizar, incluso a castigar. É moi importante que se arranxe este tema.