Poetas e músicos honran a Rosalía na RAG, moi preto de onde vivira

Rodri García A CORUÑA / LA VOZ

A CORUÑA CIUDAD

MARCOS MÍGUEZ

Marilar Aleixandre lembrou a acta do bautismo da escritora: «E non leva número por non pasar á inclusa»

23 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Entre lusco e fusco ese espello de A Coruña que son as galerías tinguíase onte de laranxa. Poetas e músicos pasaban por diante camiño da Real Academia Galega, na rúa Tabernas. A cita poética e musical era para lembrar a Rosalía nas vésperas do 180.º aniversario do seu nacemento. Del falou na presentación Marilar Aleixandre, evocando o anaco da partida do bautismo que di «e non leva número por non pasar á inclusa», un sistema que calificou de «arrepiante». A nova académica deu a benvida ao público que enchía o salón de actos: «Esta é a súa casa, a de Rosalía, xa que sen ela non existiría a Academia». Rosalía e súa familia viviron durante tres años un pouco máis adiante, na rúa do Príncipe, e onte unha luz melancólica alumeaba a fachada desa casa baleira.

Antes do diálogo entre a lírica de Rosalía e a de autores actuais foi a quenda do arpista Roi Casal acompañado pola voz de Silvia Ferré. Despois doutra das súas intervencións, Casal ironizou: «Estoume quitando da arpa», aínda que logo interpretou un dos temas que tocaba na súa etapa con Milladoiro; logo desvelou: «Dentro de pouco andarei por aí con sombreiro cubano; non é que me dera unha tolemia, é cousa de Neira Vilas, a quen se lle ten moito cariño nesta casa». Falaba do seu espectáculo con textos do autor de Memorias de un neno labrego.

Ánxeles Penas abriu o recital con versos propios dedicados á escritora e outros de Rosalía. Nesa mestura, nese diálogo entre a lírica rosaliana e a actual, participaron tamén os académicos Luz Pozo Garza, Salvador García-Bodaño e a citada Marilar Aleixandre no que foi un dos seus primeiros actos despois do ingreso na institución. Tamén a escritora Rosalía Fernández Rial participou nun recital que rematou con música, A fortuna de poder amar, unha composición de Roi Casal.