Blanca Riestra: «A miña cultura galega é punk e de tasca»

Rodri García A CORUÑA / LA VOZ

A CORUÑA CIUDAD

PACO RODRÍGUEZ

A escritora presentou «Noire Compostela», coa que gañou o premio de novela por entregas de La Voz

22 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

«Santiago segue sendo o paraíso perdido da mocidade galega, o lugar da educación sentimental deste país». Isto dicía na noite de onte Inma López Silva na presentación do libro Noire Compostela (Galaxia), de Blanca Riestra (A Coruña, 1970), unha novela negra, con toques de terror, que transcorre en Santiago. «O xénero de novela por entregas era algo para min bastante descoñecido e eu non tiña ademais experiencia de escribir novelas de intriga», confesara Blanca Riestra despois de gañar con este libro o premio de novela por entregas de La Voz de Galicia. Onte presentaba a obra na librería coruñesa Arenas. Francisco Castro, o editor, asegurou que este «é un premio ao que lle temos moito cariño na editorial Galaxia», e lembrou que el mesmo o gañara no 2013 e amosou o seu «agradecemento a La Voz por convocar este premio» tan singular.

Inma López Silva falou de varios retos aos que se enfrontara a autora de Noire Compostela como darlle á novela «ese punto de terror diferente que apreixa ao lector», que «manexa a intriga de forma estraña» ou a homenaxe que fai á Compostela estudantil que ela, dixo, non a ten «tan idealizada». Rematou salientando «o feminismo sutil pero contundente» que amosa a autora na novela e animouna a seguir escribindo en galego.

Para Riestra, este libro é moi especial por moitas razóns, unha delas «o desafío de escribir en galego que foi moi excitante». Tamén asegurou: «Non hai fronteiras entre os xéneros, están aí para diversión dos autores e dos lectores». Sobre Noire Compostela, dixo que en certo modo era unha revisión da súa primeira novela, Anatol y dos más, que tamén discorría en Santiago. Antes de rematar, coa lectura dun dos capítulos do libro que antes citara Inma López Silva, dixo que esta novela «é unha homenaxe á miña cultura galega, que é punk e de tasca».