Emilio José: «Podemos é un partido de dereitas»

A CORUÑA CIUDAD

O artista ourensán chega esta noite a cidade dentro dun triplo cartel no que tamén están Raúl Querido e El Muntiac

07 oct 2016 . Actualizado a las 13:09 h.

Agricultura livre é a última entrega de Emilio José, un dos músicos máis persoais da escena galega. Esta tarde presentarao en Nave 1839, a sala da Estación de Tren (20.00 horas, 5 euros).

-¿Segue coa idea de que Galicia no é o que pensamos?

-De facto, Galicia é A Coruña e Pontevedra. Lugo e Ourense son como territorios intermedios entre a comunidade autónoma de Galicia e a de León. Está claro que o Eixo Atlántico é o que é Galicia politicamente. O que din as institucións que é Galicia non o é. Si fora así non se estaría baleirando Ourense.

-No seu anterior disco falaba de Ourense independente.

-Agora, Ourense e o resto do mundo independente [risas].

-Mestura galego con portugués. ¿Por que?

-Eu non falo o galego da RAG, senón ourensiano [o pronuncia así]. Escapo do oficialismo totalmente.

-A xente di que é un artista político. ¿Síntese así?

-Umm... si tal neste momento diría que antipolítico máis ben. Síntome como un aprendiz de músico que fala de cousas relacionadas.

-Nun 20 % do disco fala de políticos profesionais.

-Si, pero non deles, senón dos cargos que ocupan. Se fosen outros estaría dicindo o mesmo. Para min o problema non é se a persoa X está en tal sitio. O problema é que o sitio exista.

-Na canción «AGE/Podemos» arremete contra o partido de Iglesias. ¿Que pretendía?

-Non fago cancións con finalidade específica, por iso non me sinto político. Non pretendo cambiar algo. Fago máis ben anotacións. O de Podemos é que, mentres o PP ou o PSOE todo mundo sabe o que é, eles din: «Nós vamos a cambiar isto».

-¿Que pensa entón de artistas como Nacho Vegas?

-¿Que queres que che diga? É como o PSOE hai trinta anos, con Víctor Manuel e Ana Belén. É o mesmo. Podemos non se diferenza nada. Os que están aí é como se estiveran no PP, no PSOE ou mesmo en Ciudadanos. De feito, por algunha declaración que lle escoitei, Errejón é unha personalidade moito máis fascista que calquera de Ciudadanos seguramente.

-Na música pop falar explicitamente mal da dereita é habitual. Non coñezo casos de artistas que fagan unha canción contra Podemos como a súa.

-Algunha haberá, pero e que Podemos é un partido de dereitas. O sistema político é de dereitas. Eu non falo dun partido de esquerdas aí. Para min non hai diferenza.

-¿Vostede vota?

-Non. Pero iso é irrelevante. Da igual. Todo vai a seguir funcionando igual. O outro día dicían que ían a botar a Feijoo da Xunta. Se así fose estaría uns días feliz. Pero logo sería todo o mesmo. É unha cousa máis psicolóxica que outra cousa.