Pescaría, Pescadaría, Pescadería

Por Xosé Alfeirán

A CORUÑA CIUDAD

ALBERTO MARTI VILLARDEFRANCOS

Os nomes que recibiu o barrio coruñés máis antigo refírense ao lugar onde abundaba a pesca

12 sep 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A vila crecía e tamén o facía o arrabalde. Cada ano había máis xente vivindo na Coruña atraída polo incremento das actividades artesanais, pesqueiras e comerciais. O núcleo primitivo (hoxe cidade vella) estaba limitado polos muros de pedra dunha cerca e, aínda que había espazos baleiros, a súa trama urbana estaba case rematada. Iso fixo que moitos dos novos habitantes foran construíndo as súas casas fóra das murallas, seguindo a liña da costa. E o barrio creceu ata ser máis grande que a vila.

No estado actual dos nosos coñecementos sabemos que o nome dese barrio aparece nun documento de 1397 conservado no Arquivo Municipal da Coruña. É un privilexio do rei Henrique III, escrito pola chancelería real en castelán antigo, sobre a venta de viño. Nel, se nos fixamos, podemos ver, repetido ata oito veces, que naquel tempo xa se chamaba Pescadaría, aínda que algúns historiadores leen tamén Pescadería e Pescadoría. Ata o momento é a referencia máis antiga. Tamén sabemos, grazas á transcrición feita polo poeta e historiador Miguel González Garcés na súa monumental Historia de La Coruña, que nunha copia feita no século XV do testamento, escrito en galego en 1399, de Fernán Martínez, cura da primitiva igrexa de Santo Tomás, emprégase o nome de Pescaría para designar a dito barrio. Desde entón e ata o século XVI, nos documentos conservados predomina Pescaría nos galegos e Pescadería nos casteláns, aínda que hai casos nos que utilízanse as dúas variantes indistintamente. A partir do XVII desaparece o uso de Pescaría e domina o de Pescadería.

A orixe, «piscaria»

A orixe da palabra está no vocábulo piscaria, que no latín clásico significaba mercado onde se vende o pescado, pero que no latín medieval adquire o significado de lugar destinado á pesca ou onde abunda a pesca; é dicir, sería equivalente ao que se chama en galego pesqueira e en castelán pesquería. En Galicia a súa evolución está documentada desde o século IX e podía referirse a lugares situados no mar ou nos ríos. No caso coruñés, o termo é moi apropiado para nomear ao barrio que xurdiu sobre o areal que pechaba a baía e onde abundaba a pesca. Pero seguramente tamén nos estea informando de que desde a propia praia os primeiros habitantes da Coruña pescaban os grandes cardumes, que entón entrarían ata o fondo da baía, mediante a arte da xávega: unha longa rede con cope que se estendía desde a praia cunha barca que se metía no mar e que volvía formado un gran cerco, sendo recollida desde a praia mediante a forza de xuntas de bois e brazos de mareantes da Pescaría; despois se querían vender o peixe ían ao mercado situado na praza da vila (hoxe de Azcárraga).

A pesar do dito, certos escritores e algunhas concellarías do Concello da Coruña, motu proprio, traducen na actualidade o topónimo de Pescadería polo de Peixería ou Peixaría que, segundo o dicionario da Real Academia Galega, serve para designar o establecemento onde se vende o peixe. Ignoran o significado inicial do barrio máis antigo da cidade. Non se pode cambiar a historia.