Aurelio Pego, pioneiro do xornalismo cinematográfico en Nova York

Unha mostra e un libro, impulsados por Xociviga, lembran ao emigrante coruñés


Ourense / La Voz

O Carballiño acollerá a vindeira semana, do 25 ao 30, unha nova edición das Xociviga, as Xornadas de Cine e Vídeo de Galicia, que se veñen celebrando dende 1984. Entre as propostas que se inclúen este ano figuran unha exposición e un libro que recuperan a figura dun pioneiro no xornalismo cinematográfico galego: o coruñés Aurelio Pego. O traballo de investigación, a mostra e a publicación son un proxecto desenvolvido por Xosé Enrique Acuña, quen hai anos fixera o mesmo con Eumenio Blanco, un emigrante ourensán que chegou a actor en Hollywood. A publicación foi presentada onte no Carballiño e a mostra abrirase ao público o próximo martes no auditorio da vila. A proposta das Xociviga «é toda unha sorpresa que desvela a intensa e á vez esquecida relación dun xornalista galego, emigrado nos Estados Unidos, coas grandes figuras do cine norteamericano e coas principais produtoras de Hollywood», segundo indicou onte Acuña.

Pego formárase para ser contador mercantil e dende moi novo asina colaboracións na prensa galega. Unha traxectoria que se racha ao optar pola emigración, na idade do servizo militar, para fuxir da guerra que se libraba no norte de África. Chega a Nova York en 1920 e ao pouco tempo xa publicaba, en castelán e inglés, en diferentes revistas de EE. UU. e facía crónicas para xornais e semanarios de Madrid e para Popular Film de Barcelona. Tamén foi correspondente de La Vanguardia entre 1933 e 1937. A relevancia de Pego como xornalista cinematográfico forxouse nas dúas décadas nas que formou parte do cadro de redacción de Cine-Mundial, publicación editada en Nova York en castelán que servía para informar ao países do ámbito hispanofalante sobre as novidades do mundo do cine a as súas estrelas. Entre 1927 e 1948 «publica as reportaxes, entrevistas e críticas que o converten sen dúbida algunha no xornalista cinematográfico galego máis importante do século XX», en palabras de Acuña. Unha posición, a de Pego, que lle permitiu ter un achegamento privilexiado a actores, actrices e produtores do Hollywood daquelas décadas douradas.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de A Coruña

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

Aurelio Pego, pioneiro do xornalismo cinematográfico en Nova York