Villar Ponte e as Irmandades, nun libro da Asociación da Prensa

La Voz

A CORUÑA CIUDAD

SANDRA ALONSO

O Museo de Belas Artes acollerá hoxe a presentación do volume que conta cunha cronobiografía e diversos artigos

31 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

«Xusto cando se cumpre un século da constitución das Irmandades da Fala, a Asociación da Prensa da Coruña edita o seu segundo título da colección Biblioteca de Autores da APC», escribe Manuel González, presidente da entidade no limiar do libro Antón Villar Ponte e as Irmandades da Fala. Este volume, publicado coa colaboración da Consellería de Cultura, será presentado hoxe, ás 19.00 horas, no Museo de Belas Artes.

Esta obra, coordinada por Adriana Rodríguez Eiroa e Cristóbal Atienza, ábrese «cunha magnífica cronobiografía», indica Manuel González, de Villar Ponte, «realizada por un dos expertos nas Irmandades máis recoñocidos no país, Emilio Xosé Ínsua, doutor en Filoloxía Galego-Portuguesa».

No libro, «recóllense inesquecibles pezas de culto en torno ás Irmandades, escritas entre 1905 e 1936, por xornalistas e escritores sobranceiros, como Antón e Ramón Villar Ponte, Aurelio Ribalta, Ramón Cabanillas, Daniel Rodríguez Castelao, Vicente Risco, Robustiano Faxinas ou Ramón Otero Pedrayo», explica o presidente da Asociación da Prensa. De varios persoeiros da época, como Curros e Cabanillas, aparecen na publicación caricaturas de Siro López, ademais das páxinas dos xornais nos que se publicaron os artigos.

Cristóbal Atienza salienta a presenza na primeira xuntanza das Irmandades de Micaela Chao Maceira, «xa que foi a única muller no acto fundacional».