«Non nos retiraremos do proceso xudicial do rueiro ata que se cumpra ó 100 %»

A CORUÑA CIUDAD

CéSAR QUIAN

Ven de ser reelixido como presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica coruñesa

27 ene 2016 . Actualizado a las 18:16 h.

Fernando Souto (A Coruña, 1966) foi reelexido onte para o seu terceiro mandato ao fronte da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica coruñesa, unha entidade que conta con 297 socios e outros 60 de honor.

-¿Apoian como se fai, a poucos, o cambio no rueiro?

-Polo que podemos interpretar da decisión do concelleiro de Culturas é que foi preparando á poboación pouco a pouco e díxonos que é por unha cuestión técnica, porque teñen que facer, antes de cambiar a placa, comunicación personalizada a cada veciño e a Policía Local propuxo aproveitar estes cambios para renumerar as rúas.

-¿Cal é a vosa posición?

-Mantemos a demanda contra o Concello que se iniciou contra o goberno anterior por incumprimento dos acordos plenarios do 2009. A demanda está en suspensión, pero non nos retiramos do proceso xudicial ata que se cumpra o 100 %.

-¿Como ve a situación agora?

-Vexo unha boa situación para o proceso memorialístico, estamos no centro da toma de decisións das forzas progresistas. Todos os partidos aceptaron as nosas propostas salvo o PP, que se abstivo de recibirnos. As nosas propostas teñen aceptación, ao principio tiñamos cornos e rabo.

-¿E coa Marea?

-Boa, igual que con Negreira, que foi o primeiro alcalde que nos recibiu. Losada nunca o fixo. A gran diferenza e que Negreira eliminounos o convenio, pero nós non dependemos diso, somos independentes polas cotas dos socios coas que facemos os actos e non temos gastos fixos.

-¿Máis aló do rueiro que considerarían un éxito para a CRMH?

-O involucrar a xente nova, a recuperación dos valores cívicos. Os preceptos do relator de Nacións Unidas de verdade, xustiza, reparación e garantías de non repetición son os obxectivos.

-¿Traballan no tema das fosas?

-En Galicia abríronse unha ducia, pero sempre por entidades privadas e un dos grandes éxitos sería a participación pública no proceso de exhumación.

-Están agora cun traballo de divulgación sobre as Irmandades.

-Conmemoraremos o centenario da revolución irlandesa, o levantamento de Pascua do 1916, contra o Imperio británico e mergullándonos nese proceso atopamos a grande vinculación das Irmandades da Fala coas irmandades irlandesas, grazas os precursores do nacionalismo, que maman do Sinn Féin. A data institucional é o 16 de marzo e imos colaborar co Goberno irlandés na divulgación do discurso oficial do seu presidente e na presentación mundial dun documental.