Empresa


En novembro tiveron lugar dous actos nos campus de Esteiro e de Elviña que poñen de manifesto a contribución da Universidade da Coruña ao desenvolvemento produtivo de Galicia en dous campos chave: a industria naval e a enxeñaría informática. O día 12 reunímonos en Ferrol representantes de Navantia, da Consellaría de Industria e da UDC para lanzar o traballo da unidade mixta de investigación, que une unha empresa e un centro público de investigación: Navantia e a UDC desenvolverán nos próximos tres anos o proxecto do «estaleiro do futuro», con financiamento da empresa e da Axencia Galega de Innovación. Este proxecto, enmarcado na industria 4.0 deseñada pola UE, permitirá avanzar nos obxectivos de optimización dos procesos e do desenvolvemento de novas ferramentas, claramente centradas na robotización. Esta iniciativa foi posible porque a UDC solicitara previamente a incorporación da industria naval na estratexia de especialización intelixente que Galicia presentou ante a UE. Estamos ante un exemplo de planificación e de deseño de estratexias coa implementación das ferramentas e do financiamento adecuados, un exemplo de boas prácticas.

O día 20 a UDC deu un novo impulso á investigación e á transferencia de resultados no campo das tecnoloxías da información e das comunicacións ao constituír a fundación Citic coa incorporación das empresas (Altia Consultores, Appentra Solutions, Avansing, Bahia Software, Emetel Sistemas, Enxenio, Indra, R Cable y Telecomunicaciones Galicia, Tecalis Engineering e Tecnoloxías Plexus) e os colexios profesionais da Enxeñaría Informática como padroeiros da mesma. Unha fórmula de centro tecnolóxico de investigación cun padroado compartido e cun espazo compartido, no que investigadores e empresas poñen en común proxectos e traballo diario é outra fórmula de éxito probado e da que agardamos excelentes resultados. Espazo compartido e unidades mixtas entre empresa e UDC son dúas ferramentas para facer máis eficiente e rápida a transferencia de coñecemento entre o espazo onde se xera, neste caso a UDC, e a sociedade, neste caso as empresas do sector naval e informático, unha colaboración na que está unha das fortalezas da nosa universidade e do noso país.

Por Xosé Luis Armesto Reitor en funcións da UDC

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de A Coruña

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
9 votos
Comentarios

Empresa