Os escolares fan de parlamentarios

La Voz

A CORUÑA CIUDAD

A Deputación da Coruña acolle unha sesión do Parlamento Xove

07 mar 2015 . Actualizado a las 13:30 h.

Un total de 43 equipos de 37 centros educativos de toda Galicia participan na sexta edición de Parlamento Xove, sumando un total de 215 participantes de 3ºe 4º de Educación Secundaria Obrigatoria e de 1ºe 2ºde Bacharelato, respectivamente.

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, deu a benvida hoxe aos alumnos e aos profesores de terceiro e cuarto da ESO que participaban na fase preliminar da categoría de Secundaria nas dependencias da Deputación Provincial da Coruña. Na súa intervención, Mato destacou as vantaxes que se asocian á educación non formal como a creatividade, a iniciativa, a tolerancia, o respecto aos demais, ou o traballo en equipo, entre moitas outras.

Na mesma participaron 22 equipos de 21 centros: o Colexio Plurilingüe La Salle de Santiago, o C.P.I. Monte Caxado das Pontes de García Rodríguez, o IES Rosalía de Castro de Santiago, o C.P.I. Conde de Fenosa de Ares, o IES Plurilingüe Maruxa Mallo de Ordes, o IES Plurilingüe Fontexería de Muros, o IES Eduardo Condal de Santiago, o IES Pontepedriña, tamén de Santiago, o Colexio Calasanz PP. Escolapios da Coruña, o IES de Mugardos, o Colexio Internacional Sek Atlántico de Poio, o C.P.R. Monterrei de Vigo, o C.P.R. Plurilingüe Sagrada Familia de Vilagarcía de Arousa, o C.P.R. Plurilingüe Nosa Señora de Lourdes da Estrada, o IES Monte Castelo de Burela, o IES A Pinguela de Monforte de Lemos, o C.P.R. A Inmaculada de Lugo, o Colexio Galén de Lugo, o C.P.I. de Xanceda, o IES O Couto de Ourense; e con dous equipos o IES Antón Fraguas de Santiago.

A titular de Benestar indicou que Parlamento Xove «invita a dialogar nun escenario de respecto e tolerancia», ademais de «mellorar a aptitude para debater un tema, desenvolver habilidades para a expresión oral e a capacidade de escoitar aos contrincantes que, non son rivais, senón compañeiros».

Durante a fase preliminar desta competición de debate os compoñentes dos 43 equipos participantes usan a oratoria para defender unha determinada postura sobre o tema proposto pola organización. Cada equipo está formado por catro alumnos e un profesor. A dificultade da actividade está en que só cinco minutos antes de cada encontro dialéctico se  procede ao sorteo da postura a adoptar por cada equipo, a favor ou en contra, en relación á cuestión formulada. Os equipos levaron a cabo unha labor de investigación previa e agora contrapoñen e discuten datos e ideas. O programa inclúe a realización dun dossier de investigación. 

Debería adiantarse a maioría de idade legal aos 16 anos?, é o tema desta fase preliminar, que, no caso da categoría de Bacharelato, descorreu a fin de semana pasada no Pazo de Mariñán.

Dos 22 equipos educativos que participan na categoría de ESO serán catro os que debaterán na fase final o vindeiro 18 de abril na sede do Parlamento de Galicia. Ese mesmo día debaterán os oito equipos da categoría de Bacharelato que pasaron á final: Becerreá I do IES de Becerreá, o IES Castro Alobre de Vilagarcía de Arousa, o IES Eduardo Pondal de Santiago, o IES de Foz, o Centro Galén de Lugo, o Colexio La Salle de Santiago, o IES Rodeira de Cangas e oe quipo Becerreá II tamén do IES de Becerreá.

Os equipos gañadores obterán como premio unha viaxe valorada en 5.000 euros no caso de Bacharelato e 3.000 euros na categoría de ESO.