Concha Blanco fará a laudatio de Xoán Babarro na homenaxe de Gálix

Á. p.

A CORUÑA CIUDAD

22 ene 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O libro infantil e xuvenil galego ten en Concha Blanco a unha das súas autoras más destacadas e prolíficas. Pero mañá, á autora ceense non lle tocará ler ningunha das súas numerosas historias repletas de fantasía e mensaxes construtivas, senón un texto no que explicará os motivos polos que o tamén autor Xoán Babarro merece ser nomeado socio de honra 2014 de Gálix, a asociación que aglutina precisamente aos representantes desta literatura en Galicia.

O acto celebrarase mañá na biblioteca González Garcés da Coruña (ás 12.15 horas) coa participación dos alumnos de primeiro e segundo de primaria do CEIP María Pita. O presidente de Gálix, Xosé A. Perozo, fará a presentación do galardón, antes de ceder a palabra a Concha Blanco para que faga a laudatio e aos estudantes, que recitarán algúns textos do homenaxeado. Xosé Neira Vilas, Agustín Fernández Paz, Xavier Senín e Fina Casalderrey son algúns dos autores que foron premiados en anos anteriores pola asociación.