A comarca de Ordes recupera a memoria de Antonio Gómez Carneiro

Manuel Pazos compendia una fonda investigación sobre o alcalde de Mesía durante a segunda República


ordes / la voz

Será en xaneiro de 2015 cando A República da Berxa: Antonio Gómez Carneiro e o seu tempo, deixe de ser un proxecto e se convirta nunha realidade. Mesía acollerá entón a presentación oficial desta obra do historiador orosán Manuel Pazos, un home sempre teimudo con dar a coñecer o pasado da súa contorna.

Foi mentres investigaba a guerrilla antifranquista cando Antonio Gómez Carneiro se cruzou no seu camiño. El foi alcalde de Mesía durante dous breves períodos da II República e logo de varios anos de traballo, Pazos non dubida en resaltar a súa traxectoria, porque era republicano pero sobre todo, demócrata.

Nado en 1899, formouse na emigración grazas ao seu espírito aberto e autodidacta. De volta en Galicia, viviu a gran efervescencia política e sindical da comarca logo da proclamación da II República. Casado en Mesía, foi elixido alcalde en 1934, cargo que ocupou en dous períodos: o primeiro ata 1935, e o segundo desde as eleccións de 1936 deica a sublevación que deu comezo á ditadura franquista.

Con Franco no poder, e perseguido pola xustiza, decidiu agocharse nunha casa, na que estivo seis anos ata que se entregou. Foi procesado e condenado polos delitos de rebelión e colaboración coa guerrilla antifranquista, da que formaban parte veciños tan coñecidos da zona coma Foucellas e Manuel Ponte. Logo de cinco anos no cárcere, mantivo o contacto cos circos democráticos e intelectuais, e desprazábase con frecuencia á Coruña para charlar e debater con persoas que compartían as súas mesmas inquedanzas. Morreu en 1979, coa tranquilidade de ver retornar a España un sistema democrático que sempre defendeu e polo que sempre loitou.

Parello ao seu labor político, Gómez Carneiro emprendeu grandes proxectos no eido económico, como a instalación dunha das centrais hidroeléctricas máis importantes da comarca no lugar da Berxa, á beira do río Samo. A súa construción queda descrita no libro grazas á colaboración do enxeñeiro ordense Gonzalo Veiras Carneiro.

Aparte das pesquisas previas, Manuel Pazos adicou máis dun ano a investigar en profundidade a traxectoria de Antonio Gómez Carneiro. O máis tedioso, afirma, foi a busca de fontes orais e o contraste das informacións, moitas veces contraditorias, parciais por mor do efecto do paso dos anos na memoria das persoas e o descoñecemento de moitos aspectos da súa vida política. Aínda así, Pazos asegura que este traballo non sería posible sen a colaboración de veciños e familiares, que veñen a completar o análise das fontes documentais, tales como arquivos militares, municipais, rexistros civís, bibliografía diversa e publicacións periódicas da época.

A República da Berxa editarase baixo o selo da Asociación Cultural Obradoiro da História, que leva case vinte anos traballando porque o pasado tamén sexa coñecido desde unha perspectiva próxima e local.

Ademais, contou coa colaboración da Mancomunidade de Ordes, os concellos de Oroso e Mesía e diversas entidades culturais da comarca.

«Se alguén na historia da comarca de Ordes encarna os valores democráticos é Antonio Gómez»

Manuel Pazos

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de A Coruña

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
8 votos

A comarca de Ordes recupera a memoria de Antonio Gómez Carneiro