Mamed Casanova, o ladrón que foi lenda en Vilalba

Apreixouno un crego de Alba coa axuda de mozos vencellados con Vilalba


vilalba

Reitorais e casas acomodadas foron obxectivo frecuente de asaltos aló polo 1900. O sacar os cartos de alí era visto como outra xustiza nun mundo no que a riqueza se agochaba nas mans de quen non traballaba a terra.

Nas terras das Grañas do Sor, dende Ortigueira ás Pontes ou Vilalba, Mamed Casanova, Toribio, nacido de nai solteira en 1882, representa o que dicimos.

O traxe do defunto

De moi novo participou en raterías, pero o que lle deu sona foi que, con 15 anos, desenterrou un habaneiro sepultado de véspera, rouboulle o traxe e presentouse vestido con el nun baile ante os veciños. Sóubose o feito, saíu nos xornais e, dada a transgresión e o agreste do lugar, foi obxecto de controversia entre escritores na prensa madrileña. En 1930 Valle Inclán incluíu o roubar e poñer o traxe dun cadáver nas Galas de don Friolera, un dos seus esperpentos.

O crime das Grañas do Sor

A morte da criada do cura provocou o engrandecemento e caída de Toribio. Foi en 1900. O asunto tiña como trasfondo a disputa por celebrar unha feira fronte á reitoral e á taberna. Ao solpor do 23 de novembro unha gavela de homes, Toribio entre eles, saíron da taberna, saltaron o valo da reitoral, forzaron unha parede, entraron disparando, o cura fuxiu, mataron a criada e roubaron unha pistola e unha carteira con 1.975 pesetas.

Dúas fuxidas

Logo foi preso e por dúas veces escapou do cárcere de Ortigueira e botouse aos montes do Sor fuxindo dos gardas. Nun encontro malferiu un deles. A escapada durou uns tres meses e medio, que foron abondo para forxar parte do seu mito: tanto durmía nun nicho cun frade defunto, como estaba a un tempo en Ortigueira e na feira de Muras, cando pediu a unhas feirantas a carne e o pan que levaban. Dixeron que chegara á casa de Justo L. Veiga -dos Catro Camiños, en Vilalba-, onde solicitou os oficios dunha costureira, pero presentado alí o xuíz Pla demostrouse que non era el. Vivía pedindo esmolas a curas e veciños presentándose armado de escopeta, dous revólveres e unha gran navalla.

O apreixamento

Foi reducido e capturado na reitoral do Freixo polo párroco Antonio Prieto Poupariña, oriundo de San Xoán de Alba, coa axuda de varios mozos veciños. Un deles era estaba Juan Ramil, Xan do Pulgón, pai de don Juan Ramil, mestre de Vilalba, e de Víctor Ramil, residente nesta vila. A recompensa ofrecida pola captura do escapado nunca chegou a mans dos mozos captores; seica a gardou o cura.

As condenas, o cárcere e o fin

Finalmente cumpriu coas condenas polos delictos dos que foi atopado culpable. Pasou por varios presidios, pretendeu escapar dalgún e aló por 1928 apareceu nas terras do Sor pedindo esmola. Así vivu ata 1946, cando morreu na Coruña esquecido de cantos o elevaron a mito.

crónica histórica mamed casanova, toribio

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de A Coruña

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
14 votos

Mamed Casanova, o ladrón que foi lenda en Vilalba