Fernández Paz recrea en «A viaxe de Gagarin» a Galicia dos anos 60
02 may 2014 . Actualizado a las 07:00 h.
O anuncio da concesión do premio Trasalba a Agustín Fernández Paz (Vilalba, 1947) coincide coa publicación da súa última novela, A viaxe de Gagarin (Xerais), na que o cincuenta aniversario da fazaña do cosmonauta activa no protagonista do libro as lembranzas da súa mocidade nos anos sesenta do século pasado. Como xa fixera en Non hai noite tan longa, o escritor retrata a unha xeración, a súa, que viviu unha descuberta non moi diferente á de Adrián Solovio, o personaxe creado polo señor de Trasalba, Otero Pedrayo: «Fomos medrando sen saber de cousas como o exilio, que descubrimos pouco a pouco, igual que a loita política. Salvando as distancias, foi un proceso semellante ao da Xeración Nós, un descubrimento de Galicia como país e como cultura».
-Solovio descubre Galicia ao cabo dunha viaxe ao estranxeiro. ¿Foi tamén así no seu caso?
-Nalgún sentido supoño que si. Lembro cando descubrín aos nove anos que existían libros en galego, os de Cunqueiro e Fole que meu pai trouxo a casa, pero tamén a primeira vez que lin Sempre en Galiza nunha edición clandestina en Barcelona, grazas a Xesús González Gómez. Fomos sabendo cousas do exilio, de Castelao, das loitas agrarias. Que en Galicia houbera campos de concentración, por exemplo. Fomos descubrindo, escavando, liberándonos da sensación de que non sabiamos nada do país, da imaxe tópica que tiñamos. Aínda quedan moitas cousas sobre Galicia por saber.
-¿Foi unha decisión consciente volver a eses anos neste libro?
-Se cadra si. Cando un escribe unha novela non elixe os temas. Os principios son irracionais e é despois, ao acabar, cando o racionalizamos. O protagonista, mentres coida no 2011 á súa nai, sabe da celebración dos cincuenta anos da viaxe de Gagarin, o que fai que se desencadeen as lembranzas do que viviu entre o 12 de abril de 1961, cando Gagarin viaxa ao espazo, e o 21 de xullo de 1969, ao pisar Neil Armstrong a Lúa. É unha novela de formación, do que o protagonista descobre, da vida e dos segredos da familia, e na que o contexto, A Coruña dos anos sesenta, ten gran importancia.