«Man é un heroe con moitos valores positivos para os nenos»

á. palmou CARBALLO / LA VOZ

A CORUÑA CIUDAD

A autora coruñesa aborda a figura do eremita a través dun libro infantil ilustrado, «Man, o Alemán de Camelle»

19 dic 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

O seu paso pola Costa da Morte -deu clase en Corme-, a ferida do Prestige, e á impresión que lle causou Man cando o coñeceu foron dando voltas no maxín da profesora e escritora Beatriz Maceda Abeleira (A Coruña, 1963) ata materializarse nun libro infantil ilustrado, Man, o Alemán de Camelle, presentado o luns na Coruña.

-¿Por que se animou a escribir este libro agora?

-Foi pensado para lembrar a Man agora que se cumpren dez anos da súa morte, e a intención é que os rapaces -aínda que hai xente que xa o leu e di que é un conto para nenos de 0 a 90 anos- o coñezan. É un personaxe que eu describo como un heroe con moitos valores positivos para os nenos: era un ecoloxista, un artista, vivía en contacto coa natureza, era unha persoa moi coherente... Quero transmitir outro tipo de heroe, non de superpoderes, senón real, dos que fan que este mundo sexa mellor.

-¿Que faceta destaca máis?

-Conto que Man chega a Camelle porque vai buscando o seu lugar no mundo e atópao aí. Destaco a súa faceta artística e, sobre todo, a de unión coa natureza, como constrúe arte a partir de refugallos, e de defensa de aquilo no que el cre, como no capítulo no que relato cando se tira no chan e deixa as súas pegadas no cemento para que non se constrúa o dique de abrigo.

-¿Chegou a coñecelo?

-Fun a coñecelo e, ademais cando, sucedeu o do Prestige eu estaba dando clase en Corme co cal vivino moi directamente. Supoño que todas esas cousas foron sementando a idea de escribir o conto. Non sei por que, Man sempre está rodeado a certa tristura, e tanto Laura [Veleiro], coas súas ilustracións, que son moi bonitas e alegres, coma eu queriamos darlle outra cara. Volvín a Camelle e a Fundación Man axudoume moito, lin todo o que atopei del, e funme facendo a miña composición do meu Man, porque creo que se poden facer moitos Man.

-¿Xa coñece a crítica dalgún neno?

-Os primeiros en lelo foron os meus fillos e os de Laura, que non sei se son obxectivos, pero os nenos adoitan ser sinceros e gustoulles e sorprendeulles moito que houbera unha persoa así real, vivindo como vivía e renunciando a tantas cousas.

-¿Que lle parece a situación na que se atopa o seu legado?

-A ver se entre todos conseguimos que iso saia para adiante. A Fundación está loitando por ilo e ten unha cantidade de materiais de Man impresionante.