«Pedir ceses cando alguén perde cunha sentenza é cando menos cuestionable»

Elisa Álvarez González
Elisa Álvarez SANTIAGO / LA VOZ

A CORUÑA CIUDAD

O TSXG anula unicamente dous epígrafes dun decreto que para Vázquez Abad é avalado ao cen por cen polo tribunal

24 nov 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Jesús Vázquez (Núremberg, 1967) considera que a sentenza do TSXG avala o contido do decreto do plurilingüismo ao cen por cen.

-¿Vaise a manter a consulta sen carácter vinculante?

-Estamos analizando as tres sentenzas pero aínda faltan cinco. Os fallos con respecto a eses tres recursos son un aval total ao decreto do plurilingüismo. As entidades que recorreron alegaron que nin había principio de equilibrio, que non se potenciaba o galego, que ía en contra da participación das familias... Era un ir en contra de todo. A sentenza é unha constatación da legalidade do decreto do plurilingüismo. Di que é legal a participación das familias, o que entende é que non debe ser vinculante e ten que decidir a Administración, pero na decisión que tome pode, entre outros, preguntarlle ás familias, e coñecer cal é a lingua materna do neno, porque os centros teñen que coñecer iso.

-Anúlanse dous parágrafos que foron compromisos electorais.

-O fallo di que o decreto se axusta á legalidade agás en dúas cuestións, unha, a vinculación da consulta, xa que é a Administración a que debe dar o paso, polo tanto nós poderemos preguntar ás familias, e logo determinaremos.

-Dicir que só se anula un 5 % do texto e ir un pouco ao peso, non ao contido.

-Pero é que o contido aválase ao 100 % polo TSXG. No relativo á liberdade do alumnado para utilizar a lingua oficial, o tribunal considera que tal liberdade non facilita a adquisición da destreza en galego ao alumno, cando é unha materia impartida nesa lingua. Nós pretendiamos defender a participación das familias e a liberdade individual, pero sempre dende un punto de vista de potenciar a nosa lingua. A maioría da poboación é galegofalante.

-Non en idade escolar.

-¿Se vas a Verín?

-¿E na Coruña, Santiago ou Vigo?

-¿E en Chantada? ¿Vas obrigar aos alumnos a falar castelán se viñan falando en galego? Evidentemente respectamos a decisión do tribunal, pero o único que pretendiamos con ese artigo era evitar discriminacións e favorecer a adquisicións de competencias por parte do alumnado. Quen lea a sentenza ve que non vai en contra do decreto, puntualiza dous pequenos aspectos. Avala o equilibrio entre linguas, a introdución do plurilingüismo, a participación das familias e o fomento do galego.

-Xa se pediron dimisións.

-Eles mesmos contestarán en que tipo de institucións pode haber dimisións ou ceses.

-Na consellería.

-Entendo que cando alguén perde cunha sentenza, pedir aínda por riba dimisións ou ceses entra dentro do seu dereito, pero cando menos é anecdótico ou cuestionable, ¿non?

-¿Considera que perderon os que recorreron a decreto?

-Pero é o que declara a sentenza, non o digo eu. Estímase parte de dous apartados e deséstimase o gran recurso. Cada quen ten dereito a pedir dimisións, pero habería que ver en que institución pedir esa responsabilidade que están a esixir.

jesús vázquez abad conselleiro de educación en funcións