As letras galegas soben ao bus

A CORUÑA CIUDAD

M. Moralejo

O 17 de maio a Academia viaxa da Coruña a Vigo nun autocar con nome propio, o do homenaxeado do día: Valentín Paz Andrade

18 may 2012 . Actualizado a las 11:09 h.

A nosa literatura non viaxa en Greyhound. O On the Road das letras galegas é carne de Castromil. E, chámese como se chame agora, o Castromil sempre será o Castromil, como o bus urbano da Coruña sempre será o trole por moito tempo que pasara xa desde que perdeu aquelas antenas de insecto prehistórico.

Así que ás oito da mañá do Día das Letras Galegas subimos, na praza de Ourense da Coruña, ao bus da Real Academia Galega. Rumbo ao sur ao lombo dun antigo Castromil (agora Monbus) bautizado co nome do homenaxeado do día, Valentín Paz Andrade. «Otero Pedrayo foi quen de escribir a magnífica Guía de Galicia porque viaxaba no Castromil», apunta Manuel Rivas.

Deixamos A Coruña a esa hora fronteiriza na que se cruzan nos semáforos os primeiros insomnes e os últimos festeiros que regresan zigzagueantes a casa. En Compostela, ás nove da mañá, saúda un deses días de luz perfecta nos que Galicia non proxecta sombras. Só existe a sombra do aire que detectou Pimentel sobre a herba. Ascenden os académicos composteláns e Xosé Neira Vilas, que chega desde Vila de Cruces coa medalla corporativa sobre o peito e un elegante bastón.

A expedición das letras galegas baixa logo pola autoestrada do Atlántico, a nosa entrañable Ruta 66, e ás dez xa avanzamos pola ponte de Rande, coma Mad Max naquel poema dos oitenta, mentres soñamos co Nautilus baixo o sorriso infindo da ría.

O bus, aínda silandeiro, desembarca en Vigo esta singular pasaxe da cultura galega, que aproveita un oco na axenda para beber de penalti un café no Royal antes das cerimonias habituais (placa, plenario e visita escolar). Ao saír do centro Valentín Paz Andrade toma o mando da expedición o presidente da Academia. Xosé Luís Méndez Ferrín senta en primeira liña e fai de cicerone pola súa cidade. «Aí está o Santa Irene», apunta ao divisar na Gran Vía o instituto onde ensinaba literatura. E así, de camiño a Castrelos, Ferrín vai poñendo pés de foto cunqueiráns ao Vigo que desfila fabuloso detrás dos vidros.

Xa ás cinco, volta ao norte. Saleta, a viúva de Manuel María, anima a conversa dos pasaxeiros. «Aquí falamos do divino e do humano», sentencia.

Pasan pola ventá as carballeiras, os toxos e as xesteiras. Vai ser certo o que di Rivas de que na xanela do Castromil podemos ver unha película de culto chamada Galicia.

EN Ruta entre A Coruña e Vigo UN Xoves DAS 8.00 ás 19.00 horas

... na expedición da real academia galega. Non podía ser outro. O 17 de maio a Academia viaxa desde A Coruña a Vigo nun autocar con nome propio, o do homenaxeado do día: Valentín Paz Andrade.

11

HORAS...