A Fundación Abente dá o salto á Rede coa posta en marcha da súa web

CARBALLO / LA VOZ

A CORUÑA CIUDAD

15 ene 2012 . Actualizado a las 06:00 h.

A Fundación Gonzalo López Abente prosegue co seu andar paseniño pero continuo e acaba de dar un novo paso de cara a difundir as súas accións e obxectivos.

Coa posta en marcha da web www.lopezabente.org os seus responsables desta entidade nacida en Muxía dispoñen xa dun punto de encontro na Rede desde onde dar a coñecer as súas actividades.

A páxina comezou a funcionar o pasado 30 de decembro e, aínda que ten seccións pendentes de desenvolver (coma o roteiro abentiano ou a unidade didáctica) permite acceder xa a información de interese sobre o escritor muxián, así como sobre o proceso de constitución da entidade.

Ademais, xunto coa biografía de López Abente e un perfil bibliográfico aparecen algúns poemas e fragmentos narrativos que permiten achegarse tamén de xeito cómodo e sinxelo á obra do literato nado en Muxía en 1878 e ao que se lle dedicou o Día das Letras Galegas de 1971.

Estrea literaria na RAG

Na web non falta tampouco un espazo dedicado ás novas de interese e no que xa se pode atopar unha convocatoria para un acto que se celebrará en datas moi próximas. O que terá lugar o venres da próxima semana (ás 20.00 horas) na sede da Real Academia Galega, en A Coruña, onde será presentada Bretemada, a obra que recolle poemas de Gonzalo López Abente escritos entre os anos 1917 e 1922 e que xa fora presentada na sede da fundación en outubro pasado.

No acto participarán Xosé H. Rivadulla Corcón, vicepresidente da fundación; Miro Villar, responsable do volume e patrón da entidade muxiá; Xosé Luís Axeitos, secretario da RAG; Henrique Alvarellos, editor, e Olivia Rodríguez, directora da colección Rescate de Alvarellos Editora.