Pedras que dan comer

A CORUÑA CIUDAD

10 abr 2011 . Actualizado a las 20:50 h.

Senín Ferro nunca chegou dominar a singular xerga dos canteiros como o facían os vellos do seu tempo mozo. Palabras soltas coma gumarro (ovo), chumeiro (viño), xida (moza) ou rencola (garda civil) véñenselle á memoria cando se lle pregunta por un tempo e un mundo que xa non existen máis ca nos recordos duns poucos e nos libros de historia. O saber dun daqueles oficios tradicionais que tantos grandes mestres deu esta terra a base de séculos de perfeccionamento nacido da pura necesidade, e hoxe desprezado pola desnaturalizada educación urbanita. Esa mesma que desgraciadamente fai tantas veces bo o tópico dos nenos que pensan que o leite procede dos supermercados.

Se a xerga do canteiro non foi o seu forte, o que si dominou José Antonio, e moi pronto, foi o diccionario do pico e da pa, da suor escorrendo ata bater na pedra nos días de verán, nos que debía darlle as grazas á calor abafante porque «no inverno, se chovía, non traballaba, porque non tiña seguro», lembra no retiro.

«Collín o oficio rápido. Comezábase facendo cachotes, e dándolles servizo aos que estaban nos andamios, e a medida que ías aprendendo, o buxa íache dando outros traballos maiores», explica José Antonio.

A materia prima non chegaba entón en camións. «Había que ir ao monte arrincar a pedra, e baixala en carros. E á noite volvías cargado de picos para o ferreiro. Iamos a Dimo, porque alí atopabas a mellor pedra da zona». E con ela a cuadrilla de Mosqueira construía fornos, lareiras, lagares... e tamén lápidas. Vinte anos estivo nela, coa obrigado paréntese do servizo militar, que lle tocou pasar nos Pirineos. O oficio de canteiro resultou entón todo un acerto. Enrolado na cuadrilla militar, «faciamos pistas, algunha ponte, e así evitaba as gardas» e certas outras incomodidades asociadas á dedicación exclusiva á patria.

Reconstrutores do hórreo da Xunqueira e autores do monumento ao Icona

Tras os seus anos con Mosqueira, Senín Ferro buscou o seu propio camiño, sempre asociado, traballando brevemente en Asturias, e en Santiago, nunha reforma do antigo Hospital Xeral, ata que «quedei cos fillos». Del puideron aprender moitas leccións do oficio, e da vida. «É máis malo de facer un muro mal feito que ben feito». Pero tamén «igual picas dunha forma, como doutra», como cando ás veces tivo que «traballar sen traballar, facendo que pasara o día, porque a ferramenta estaba cegada» pero non se podía perder un xornal.

Cruz al Mérito Militar

Antonio Senín Cortés é un dos seis fillos de José Antonio, o segundo dos tres varóns. Inda que agora traballa na canteiría cos seus dous irmáns -un non quixo saír na foto e o outro está de baixa-, o certo é que as súas miras pasaban por vivir doutro tipo de material ben distinto á pedra. Becado para estudar electricidade na Universidade Laboral da Coruña, saíu do centro herculino coma titulado de FP en mecánica naval por falta de prazas na primeira especialidade.

Con este currículo non foi estraño velo facer o servizo militar na Marina, licenciándose coa condecoración da Cruz al Mérito Militar. «En cada reemplazo dábanlla a un, e no meu entenderon que eu fora o que máis destacara», di sen alarde Antonio.

De volta á casa familiar o vástago tiña en mente vivir da súa titulación. Pero «o meu pai enroloume nun barco pesqueiro, e negueime. Entón respostoume, vés traballar comigo». E ata hoxe.

«Canteiro por obriga» ata que a independencia económica o disuadíu definitivamente de probar sorte na súa especialidade, Antonio, que xa coñecía o oficio dos seus veráns de adolescente, traballou co seu pai 15 anos ata que este se xubilou. Sumouse ao irmán maior, José Manuel, que comezara de mecánico, acollendo máis tarde na cuadrilla familiar a Jorge, o menor dos tres varóns, que probara antes na fontanería.

Os Senín Cortés inda padeceron algunhas das escravitudes do canteiro vello. «O meu pai traballaba tipo romano, movendo as pedras con carriños». Por sorte para eles non tardaron en beneficiarse da revolución que supuxo a chegada da grúa ao oficio.

Agora dedícanse á canteiría residencial. Un dos sectores máis sensibles á crise, que os Senín tardaron en sentir. «Ata agora sempre pechabamos a axenda na primavera para todo o ano, pero neste estamos tirando con encargos sen rematar do 2010». Un auténtico plus de resistencia que quizais explique o lema de Antonio: «O máis importante é poder volver onde traballaches. A xente fala ben de nós».

Tras tantos anos no oficio, son multitude as obras con selo Senín. As máis, para particulares. Pero entre o currículo da saga de Setecoros figuran tamén encargos especiais. Dous deles pódense contemplar desde hai anos en Vilagarcía. Un é o monumento erixido ao pé do monte Xiabre na honra dos traballadores do Icona mortos na extinción dun incendio forestal. O outro é a reconstrución do hórreo do parque da Xunqueira. Un traballo só posible, lembra Antonio, pola suma da «experiencia do meu pai e dunhas fotos antigas que tiña unha señora». E é que cando o Concello contratou a obra, José Antonio e seus fillos atopáronse unha morea de pedras amontonadas sen orde nin numeración. «Algunhas pedras roubáranas e houbo que facer outras», rememora o patriarca dos Senín. «Levou máis tempo buscar e ordear as pezas que facer o hórreo». Porque «non é saber facer o hórreo, hai que saber encaixar as pedras».