Ferrín abre o congreso que «vai redondear definitivamente a imaxe de Uxío Novoneyra»

a coruña / la voz

A CORUÑA CIUDAD

«O congreso vai atacar a figura de Novoneyra desde moitos puntos de vista, desde unha visión poliédrica», apuntaba o presidente da RAG

18 feb 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

A Real Academia Galega acolle desde onte un congreso sobre a figura do escritor Uxío Novoneyra co que se pechará o ano dedicado o poeta. «Nós quixeramos telo feito a finais de ano pero non foi posible; así quitámoslle un pouco ao noso amigo Lois Pereiro, pero llo recompensaremos», apuntaba na mañá de onte Xosé Luís Méndez Ferrín.

Para o presidente da Real Academia Galega, «este congreso vai redondear definitivamente a imaxe que o noso tempo ten de Novoneyra e deixámola así para que no futuro esa imaxe sexa retocada, revisada e reinventada polos que veñan».

Despois da conferencia inaugural pronunciada por Pilar García Negro, tiveron lugar varias comunicacións e os relatorios por parte de especialistas na figura do poeta, como son Xosé Benito Reza, Luís Cochón, Antón Patiño e Luís Alonso Girgado.

«O congreso vai atacar a figura de Novoneyra desde moitos puntos de vista, desde unha visión poliédrica», apuntaba onte Méndez Ferrín, salientando que o poeta «é un autor de obra fisicamente reducida, porque non é moi grande, pero é moi complexa».

Carlos Paulo Martínez Pereiro abrirá hoxe os relatorios falando dos caligramas do autor do Courel, sobre os que el mesmo escribiu un libro. Despois intervirán Anxo Angueira, Rodríguez Fer, Carme Blanco, Teresa López, Antón Lopo e Alonso Montero, rematando cun recital poético. Os fillos do poeta, Uxío e Blanca, participarán mañá, no Paraninfo da Universidade da Coruña, na última xornada deste congreso.