Toponimia

Jesús Manuel García

A CORUÑA CIUDAD

23 oct 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A Cigarrosa que lle da nome a esta columna é unha zona entre Petín e A Rúa onde se atopa a célebre ponte sobre o Sil, hoxe encoro de San Martiño, ponte monumental de orixe romana. Cigarrosa vén do pobo dos Gigurros. A toponimia galega é un patrimonio que non convén estragar. Non é bo dicir, como lle escoitamos a un locutor hai anos na radio desde Madrid, que en A Coruña, nunha daquelas crises de verquidos petroleiros, había un grupo de refuxiados «en el puerto de la Comunidad Económica Europea», cando aquela pobre xentiña atopábase no porto de Cee. Merece unhas labazadas quen ose falar de Desván del Obispo ou de Barbadanes, Ginzo, Junquera, Panjón, El Bollo, La Vega, Tuje, Otero...

Cando alguén estraga a toponimia sempre lembro un fermoso poema do valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán. A súa Loubanza á toponimia enxebre non ten prezo. «Non trocar por feles os galaicos meles, pronunciando El Barco, La Puebla e Bajeles, e Vega de Cabo, Villoria, Otarielo e Puerto Morisco e Repuricielo, e ata Deus me salve, nomeando a Fiais en supercastrapo, decíndolle Hilais»», di o gran poeta, que xa tarda en protagonizar o Día das Letras.

Delgado Gurriarán ríase de quenes abusaban dos castrapismos para nomear as vilas e lugares da súa terra: «Hai xentes capaces (é cousa de rir) de, ao povo de Córgomo, Cuérgamo decir; hai xentes capaces (cousa é pra chorar) de, ás mesmas Gralleiras, Grajeras chamar, e da Rodeleira facer Ruedelera (¿Víchedes vosoutros cousa máis pavera?)».

Este poema segue a ter actualidade á vista do que ás veces se escoita. É moi facil evitar caer na ridiculez respectando os nomes de vilas e pobos. E de lugares, pois con eses nomes está soando a súa historia, a súa cultura, a súa alma. Desde Ardexaxe, en Viana do Bolo ata a Fonte da Crica en Pentes (A Gudiña), só por poñer un pequeno exemplo. Meijide, Tonjil, Parada de Otero, ¡que medo!