Carballo escribiu a primeira páxina dunha nova edición da Praza dos Libros

V. C. CARBALLO/LA VOZ.

A CORUÑA CIUDAD

A escritora Yolanda Castaño foi a encargada de dar o pregón na xornada inaugural da cita literaria

27 ago 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Carballo abriu onte o primeiro capítulo dunha nova edición da súa Praza dos Libros. O xardín municipal, en plena voráxine do seu mercado dos xoves, acolleu o acto inaugural, ao que acudiron o alcalde Evencio Ferrero; o xefe territorial de Cultura, Manuel Varela Rey; a concelleira de Cultura, Belén Lendoiro; representantes de todos os partidos da corporación, e Luciano Calvo, conselleiro delegado de Conservas Calvo, empresa patrocinadora da feira, entre outros moitos veciños.

O ambiente que se respirou no entorno do Concello, coa venta dos produtos da terra, guiou as verbas dos discursos que pronunciaron tanto Lendoiro, como Ferrero e Yolanda Castaño, que foi a escritora invitada para pronunciar o pregón. A compostelá ofreceu un discurso moi próximo co que tratou de animar a todo o mundo a saborear a cita «para levar un retallo de vivencias» moi especial.

Degustación de libros

A poetisa destacou o emprazamento da feira, «a praza, un lugar aberto ou foro» no que prima «o intercambio», e que nestas datas converte as rúas en «auténticas pasarelas onde pasear e ser vistos, escaparates vivos» onde poder mercar os «froitos que os autores sementaron na terra fértil de Carballo».

Castaño invitou a grandes e pequenos a achegarse «con curiosidade» á feira para «devorar» as obras que os autores «plantan na horta do pensamento».

A pregoeira sinalou que a capital bergantiñá é o lugar «onde mellor se fan as feiras e os feiróns», polo que, partindo de que «os libros alimentan», viu claro que Carballo «tiña que ter unha».

Pola súa banda, o rexedor carballés aludiu á praza como «esa ágora» pola que os veciños pasearán e mercarán rodeados dunha cultura que convivirá estes días cos produtos da terra». Unhas xornadas nas que, ademais, a xente poderá gozar cunha programación de actividades máis ampla, con espectáculos de maxia, contacontos, regueifas ou monicreques, entre outras.

As oito librerías participantes, Brañas e Trasgo (Carballo); Como unha novela (A Laracha); Roget (Vimianzo); Couceiro e Orizales (A Coruña) e Pedreira (Santiago), estarán abertas ata o próximo domingo, complementadas cun cartel cultural que incluirá presentacións e sinaturas de libros, encontros para o debate ou sesións literarias para maiores e pequenos.

Na xornada de onte, a propia pregoeira interveu pola tarde nun contacontos en verso, co verme Punki Punver como principal protagonista. Máis tarde, Teresa Moure presentou a súa obra A intervención, nun acto no que participou libreiro Antón Pedreira.