O mellor de «Para mariñeiros, nós»

La Voz REDACCIÓN/LA VOZ |

A CORUÑA CIUDAD

A cadea privada galega programa un especial da ficción de humor desde as 21.38 horas

02 jul 2010 . Actualizado a las 02:45 h.

V Televisión ofrecerá esta noite, tralo informativo e a información do tempo, unha selección de case unha hora de duración con algunhas das mellores historias que xa se puideron ver en Para mariñeiros, nós , un programa que mostra a particular visión do mundo e do seu contorno más próximo de dous mariñeiros da Costa da Morte, na Coruña.

A serie grávase en Corme, nun dos bares máis coñecidos desta localidade. Nel desenvólvense moitas das tramas que teñen a Pinto (Suso Lista) e Cobiñas (Manuel Castro Duarte) coma protagonistas. A historia destes singulares mariñeiros xurdiu hai catro anos a través de Internet e desde o pasado mes de xuño chegan ós espectadores galegos grazas a V Televisión.

Neste espazo especial poderán verse algún dos episodios máis singulares destes dous mariñeiros cargados de retranca. Pezas de cinco minutos de duración cheas de realidade irónica. É o caso do Chosco , no que o capitán Cobiñas aposta con Manolo o Chosco a ver quen ve máis. O que non sabe Cobiñas é que o Chosco é o mellor xogador de Cormariñas, a localidade ficticia onde se desenvolve P ara mariñeiros, nós. Se alguén frecuenta o bar do pobo, ese é Cobiñas, aínda que chega un momento na vida dun home onde debe escoller se quere seguir o camiño da luz ou continuar polo camiño da escuridade. O mariñeiro decide reformarse, dar un xiro na súa vida e abandonar a bebida para acadar a felicidade.

Tamén os espectadores de V Televisión tiveron que afrontar o que parecía un dramático suceso. Nun dos capítulos que recolle este especial Pinto chega a taberna cunha noticia tráxica: seu socio, seu amigo, seu irmán, o capitán Cobiñas, morreu. Pero será certo o que di Pinto, ou outra das súas estratexias para ganar cartos sen traballar? Iso parece.

Pinto tamén coñece moi ben as historias do lugar, coma a que conta do mítico Tronzador, que fai honra o seu nome cada vez que colle un machado. Son só algúns exemplos do que hoxe recolle este especial dunha serie cargada de humor galego.