«Curuxás sobreviviu grazas a vontade solidaria da xente»

A CORUÑA CIUDAD

Parrado documenta que o protagonista burlou a persecución do Réxime co apoio popular engadido ao dos seus amigos

03 may 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Curuxás, o guerrilleiro que non cazou Franco (Edicións A Nosa Terra) descobre a Carlos Parrado coma un rigoroso investigador e un excelente narrador de historias. Porque documentar e contar con acerto as andanzas do fuxido ao que a xente mitificou pola súa resistencia á persecución do Réxime foi o que fixo este melidense no libro co que se estreou no eido das letras. A biografía de Ramón Rodríguez Varela, ao que o topónimo da aldea de Palas de Rei onde se criou de mozo lle valeu o alcume de Curuxás, tamén afonda no movemento das guerrillas antifranquistas na zona de A Ulloa e da Terra de Melide.

-¿Qué o motivou a pescudar na vida de Curuxás?

-A curiosidade e o mito que representaba a súa persoa; era unha lenda moi estendida nesta zona. Se non fose así, non me tería desprazado aos 19 anos cun grupo de amigos a Vilamor, en Toques, para ir velo xa defunto. Corría o mes de maio de 1967, trinta e un anos despois de que fuxira por vez primeira da mina de Lousame, onde o foran buscar para prendelo logo de, xunto con outros compañeiros, atender a chamada do gobernador de A Coruña, que pedira a axuda dos mineiros para defender a República fronte á ocupación dos militares rebeldes.

-¿Qué hai de lenda?

-Cando empezamos a preguntar sen saber nin da súa participación na guerrilla, nin da oposición armada ao franquismo, percatámonos de que a xente falaba de Curuxás coma un mito. Contaban que se o disfrazaran de muller para asistir ao velorio do seu irmán panadeiro, que se xogaba a partida disfrazado de cura co sarxento da Garda Civil, e anécdotas que coma esas eran difíciles de crer, o que non significa que tiveran mentido. Pero o que se conta no libro son feitos comprobados. A primeira testemuña que nos levou ao resto das fontes orais coas que se documentan as vivencias de Curuxás porque mantiveron unha relación moi cercana con el foi, quen o agochou na casa que, por aquel entón, tiña na céntrica rúa de San Pedro, en Melide. Capítulos da súa vida como cando en 1938 logrou fuxir do cerco que lle fixeron as forzas de seguridade na súa casa de San Xulián do Camiño, en Palas, ou o enfrontamento que mantivo coa Garda Civil cando tres anos despois volveron buscalo mitificaron a Curuxás, que chegou a disparar a un cabo que, logo, faleceu.

-¿Como sobrevive a tres décadas de persecución?

-Coa cantidade de apoios que tivo. Curuxás era temido por algúns, respectado por todos e moi querido polos amigos. Subsistiu da solidariedade da xente, principalmente da dos seus amigos, que o agochaban nas súas casas. Economicamente saía adiante cos cartos que pedía prestados á xente e que sempre devolvía se así podía, tal e como el mesmo admitía ante quen llos prestaba. Foron os menos quen non lle axudaron.