Luís Pousa presentou no Culturgal «O embigo do mar», un libro para dar coa poética da Coruña

A CORUÑA CIUDAD

08 dic 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

As cidades tamén teñen a súa identidade poética. O primeiro libro de Luís Pousa, O embigo do mar, repasa o mapa lírico da cidade. Pousa firmou onte a súa obra no Culturgal asegurando que para coñecer unha «cidade é importante a súa historia, pero é igual de importante coñecer ese carácter».

O escritor o xornalista asegura que en Galicia e na cidade coruñesa «a poesía é fácil porque sae a cada paso». Aínda así considera o poeta que nas visións das cidades predomina sempre o histórico ou político sobre o poético».

O libro, editado por Espiral Maior, preséntase en edición bilingüe e o seu autor descarta as intencións políticas. Trátase, segundo Pousa, de «non perder ningún lector». Sinala, ademais, que ese proceso de escribir nun idioma e trasladar inmediatamente a outro converteuse «nun xeito de reescrita nova que ía cambiando a maneira de entender os textos, un proceso que enriqueceu o poemario».

Tributo

O propio Luís Pousa afirma na súa bitácora Farrapos de gaita que o seu primeiro poemario «supón, entre outras cousas, un particular tributo á cidade da Coruña e que en certa medida permíteme pechar unha porta e abrir outras novas para explorar carreiros diferentes (que seguro que se bifurcan). E a verdade, non sei que máis dicir sobre este texto que me queda aínda demasiado preto das entrañas como para poder explicalo ou analizalo».