Balbina de Rebordelo

MANUEL SUÁREZ SUÁREZ

A CORUÑA CIUDAD

MEMORIAS RIOPRATENSES | O |

11 oct 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

QUIZAIS A emigrante máis vella de Cabana de Bergantiños sexa Balbina Barreira Cousillas. O domingo cumprirá cen anos en Montevideo. Naceu no mencer dun 15 de outubro en Rebordelo (San Martiño de Canduas) e foi a cuarta dos sete fillos do matrimonio labrego formado por Manuel Barreira Tasende e Filomena Cousillas Leis.Rebordelo ten o areal máis grande do municipio e supoño que de nena baixaría andando por debaixo dos piñeiros para encher un cestiño de berberechos mentres miraba para os cormoráns que voaban cara á desembocadura do Anllóns. O seu primeiro traballo sendo noviña foi en Ponteceso na casa do Gallardo que era un bazar con tenda de ultramariños moi coñecido no que se comercializaba desde o sal para a matanza do porco ata unha vaixela de louza. En 1925 e cos seus primeiros aforriños mercou unha cafeteira esmaltada para a súa nai. Cando en 1963 Balbina visita ao seu irmán Marcial, na única viaxe que fixo a Galicia en 78 anos de emigración na capital uruguaia, sorpréndelle que a cafeteira siga prestando os seus servizos. En 1927 polas festas da Barquiña en Ponteceso unha xitana bótalle a boaventura e lendo a súa man dille que axiña cruzará moito mar. Un ano despois Balbina sobe ao barco Cabo de Buena Esperanza na Coruña para desembarcar en novembro na capital do Uruguai. Os cartos para a pasaxe foron un préstamo dun labrador forte de Neaño, Evaristo, que tiña unha filla, Estrella,que era a gran amiga de Balbina. No peirao montevideano non agardaba por ela ningún familiar porque ela era a primeira en emigrar. Quen si estaba era un amigo da familia, Emilio tamén de Neaño, a quen os pais escribiran. Emilio sempre a aconsellou ben e lle buscou traballo. O primeiro emprego foi na casa da familia Arteaga, o segundo coa familia Garisi e o terceiro coa familia Sapelli. Os anos que estivo na casa de Garisi foron moi ben aproveitados porque as fillas mestras da familia lle ensinaron a ler e escribir. En 1937 coñece a Xosé Bello (alcumado Pepe de Xulia) que era da outra banda, é dicir, de Tella (Ponteceso). Casan en 1940 e en 1943 nace Raquel, a súa única filla. O matrimonio viviu sucesivamente en tres rúas montevideanas: Washington, Nantes e Juan José Quesada. O actual enderezo queda moi pertiño, unhas dez cuadras que decimos alí, no cruzamento entre as avenidas Batlle y Ordóñez e San Martín. Neste lugar e fronte ao bar Rover tiña a súa parada o ómnibus 155 da empresa C.U.T.C.S.A. (fundada e presidida moito tempo polo larachés Xosé Añón Canedo) que era o que eu collía cada mañá ás 7.30 para ir ao instituto (Liceo nº 1, José Enrique Rodó). Non sei se Balbina e Raquel coñeceron a unha emigrante de Laxe, Evarista Trillo, que vivía en Margarita Uriarte de Herrera a non máis de cinco cuadras de Quesada. A señora Evarista era unha gran cociñeira. Nunca comín mellores canelóns de carne e espinaca que os que ela preparaba. Gustábame moito escoitar as súas lembranzas dos anos trinta de cando chegara a Montevideo. Ela soa tamén coma Balbina. Contaba que na esquina da avenida xeneral Flores con Quesada houbera un cine e que ía coa súa filla Antonia. Poida que ata coincidisen as dúas emigrantes coas súas fillas no cine porque eran do mesmo tempo. Quero felicitar a Balbina de Rebordelo e facerlle chegar unha moi fonda e garimosa aperta do seu irmán menor Xosé. O seu irmán que vive en Bamiro (Vimianzo) non esquece os seus felices anos de emigración no barrio de Colón. Foi en terra uruguaia onde naceron as súas fillas Loli e Marité. Se queremos información sobre Artigas, Gardel ou Zitarrosa recomendo falar con elas. Ademais de estaren ben documentadas, póñenlle moita paixón ás respostas xa que non aceptan que se esqueza un país solidario no que sempre houbo unha porta aberta para nós.