Ata sempre, querido carteiro de Ois

Antonia Quintián

COIRÓS

Antonio Rosende, «o carteiro de Ois»
Antonio Rosende, «o carteiro de Ois» Atr

Antonio Rosende faleceu o pasado día de Reis aos 84 anos

14 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O 6 de xaneiro, día de Reis, falecía aos 84 anos Antonio Rosende Sánchez, O Carteiro de Ois. Por ser ese un día importante na nenez, xórdeme o pensamento de que quizais hai anos fose el o encargado de mandar as cartas escritas con ilusión infantil ás súas maxestades de Oriente. Quen sabe.

Antonio era carteiro e fillo de carteiro, e a casa onde sempre viviu todos os veciños a coñecemos como A casa do Carteiro. Xa exercía ese labor antes de que eu nacese, aínda que foi un home que desenvolveu diversas facetas vitais, que formou unha familia e que participou activamente na vida asociativa veciñal, municipal e tamén en labores agrícolas e gandeiras, sendo os seus tractores dos primeiros que lembro traballando nas leiras de moitos veciños, mesmo as da miña familia.

Trato pausado e afable

Había anos que se xubilara e, con todo, na miña contorna próxima é primeiramente a lembranza do seu oficio de carteiro o que nos queda na memoria, oficio que el desempeñaba como se podía e se sabía facer antes, cun trato próximo, pausado e afable.

Repartía o correo sen présas, parando a falar e escoitando a todo, sendo testemuña de primeira man de moitas necesidades ou tamén traendo alegría cando as novas eran boas. É anecdótico que neses tempos case non había caixas para o correo nas casas e os cans soltos nos camiños máis dunha vez lle deron algún pequeno susto, pero iso non impedía que as cartas, telegramas, paquetes ou xiros chagasen aos seus destinatarios, que depositabamos nel a nosa confianza.

Morreu un veciño e quédanos memoria del e do seu labor. Descansa en paz, Antonio.

Antonia Quintián é veciña de Ois (Coirós).