Xabier Morandeira: «Gustáronme as armas dende pequeno»

D. Vázquez ABEGONDO

CARRAL

-

Este abegondés de 10 anos quedou primeiro na categoría alevín no campionato de España de tiro olímpico

31 dic 2022 . Actualizado a las 12:08 h.

Xabier Morandeira Lodeiro naceu en Carral, pero dende os tres anos vive con seus pais no concello de Abegondo, un municipio que gabou o seu recente título como campión de tiro olímpico na súa categoría. Acaba de cumprir 10 anos en setembro e non só foi o mellor senón que bateu un récord chegando aos 177 puntos dos 200 posíbeis, e superando os 174 que foran establecidos hai dous anos como máxima puntuación de alevíns. Os seus pais compráronlle, de pequeno por Nadal, unha pistola de bolas para nenos e viron que cunha lata e unha diana de papel acertaba. Con esa puntería buscáronlle un club de tiro onde practicar. O ano pasado quedou subcampión galego de tiro olímpico e pediu que se este ano lograba acabar no primeiro posto en Galicia o levaran ao campionato de España. «Fixemos o esforzo de levalo e a experiencia foi boísima», di a súa nai, que se mostra orgullosa do resultado e o acompaña na entrevista. Comenta que os adestramentos non lle impiden ser un bo estudante.

—Dende cando fas tiro olímpico?

—Dende os 8 anos.

—Como comezaches a practicar?

—Na casa do meu avó tiñan afección polas carabinas de balíns, a min gustáronme as armas dende pequeno e quixen probar.

—Onde adestras?

—Na galería de tiro olímpico de Carral, está no baixo da Casa da Cultura. Adestro con Alberto Pérez Cotos.

—Hai moita afición alí?

—Trinta socios.

—E nenos coma ti?

—Un neno máis e dúas nenas.

—Canto adestra?

—Os venres todas as semanas.

—É complicado o tiro olímpico? A túa evolución en dous anos é meteórica.

—Depende, por exemplo no campionato español si foi complicado, porque os nenos que tiraban alí eran moi bos, e xa levan moito tempo tirando.

—Que se puntúa?

—Isto é unha pistola de aire comprimido, con balíns en forma de copa, tiramos a unha distancia de dez metros. A diana é de papel, pero no español era electrónica. Trátase de chegar ao máximo posible ao centro. É unha serie de 20 tiros no que o máximo son 10 puntos, ata un tope de 200.

—A que atribúes que sexas tan bo? É cuestión de vista?

—Non sei, penso que é importante a concentración, e tamén hai que ter bastante pulso e non poñerte nervioso.

—Competías na categoría de alevín.

—Si, vai dende os 8 ata os 12.

—Practicas máis deportes?

—Algún máis. Balonmán e fútbol en Abegondo.