José Vilariño : «Isto ten que ser vocacional, que che guste»

M. R. A CORUÑA

CARRAL

MARCOS MÍGUEZ

Entre as dez persoas que atenden as 620 vacas da explotación As Travesas Agropecuarias hainas de Marrocos e Venezuela

11 abr 2022 . Actualizado a las 10:46 h.

Escoitar falar a José Vilariño é escoitar a voz dunha desas persoas enraizadas na terra, comprometida co que fai, coñecedora do que el chama o sector, que ven sendo todo o que atinxe ao coidado das vacas da explotación da que é o encargado. «Ao que lle gustan as vacas sabe o número, ou o nome de todas», asegura este gandeiro natural de Frades. No seu caso non é doado xa que son máis de seiscentas. Son as da explotación As Travesas Agropecuarias, que está en Carral e que Vilariño retrata en datos: 620 cabezas, 330 para muxir, nunha explotación que ten 110 hectáreas das que 60 son propias e 16 están ocupadas por naves e camiños. José Vilariño conta que sempre pon un exemplo do que supón para el traballar no medio rural: «Se piso unha cagada dun can, en canto podo limpo o calzado a fondo porque non soporto ese cheiro; en cambio, se piso unha bosta dunha vaca, case me da o mesmo, non me importa». 

Explica que este traballo non é cuestión de moita dedicación ou de que sexa duro, é algo máis persoal: «Hai xente que non se quere ver metida aquí e prefire dicir que traballa nun polígono. Ten que ser vocacional, que che guste o sector». No seu caso non cabe dúbida, non so de que lle gusta, tamén de que sabe moi ben o que supón a vida no rural porque evoca tempos nos que «por non ampliar a porta da cuadra sacaban o esterco pola fiestra».

Lembra Vilariño que esta explotación era de Saprogal e foi comprada no 2005 por dous empresarios madrileños, Secundino e Jesús García. Agora é a única explotación do concello de Carral que aparece no amplo listado do control leiteiro.

En As Travesas xa levan anos traballando dez persoas «catro son de aquí e seis de fóra [Marrocos e Venezuela]». Un exemplo diso que agora tanto se busca como é a implantación no territorio é que tres desas persoas foron pais nos últimos meses. Por iso, na explotación tiveron que contratar outra persoa para cubrir estas tres baixas de paternidade.

Vilariño emprega unha expresión da terra para salientar a integración das persoas chegadas de fora contando que cada unha «botouse ben ao traballo». Porque, loxicamente, traballo non falta para sacar adiante unha explotación na que o cultivo do millo ocupa a maior parte dos terreos, xunto cos destinados a prados.