O alzamento de Solís en Lugo hai 175 anos: «¡Viva la reina libre, abajo el dictador Narváez!»

adolfo de abel vilela

CARRAL

A Praza Maior no século XIX coa fonte dos leóns
A Praza Maior no século XIX coa fonte dos leóns ABEL VILELA

O xeneral arengou ás tropas na Praza Maior e a capital lucense estivo en mans dos sublevados durante 25 días

02 may 2021 . Actualizado a las 20:06 h.

Nos primeiros anos do reinado de Isabel II comezaron os pronunciamentos militares, en cen anos houbo 25, o derradeiro en 1936, nos que o Exército tomaba partido, uns a favor dos liberais ou progresistas e outros dos moderados ou conservadores.

O 2 de abril de 1846 o coronel comandante de Estado Maior da capitanía xeneral de Galicia, Miguel Solís e Cuetos, iniciou en Lugo unha sublevación contra o Goberno, que o fixo caer pero que fracasou, cos batallóns de Infantería de Zamora e o Rexemento Provincial de Xixón que estaban no cuartel de San Fernando. A cidade estivo en poder dos sublevados ata o día 27, e o día antes foron fusilados en Carral Solís e outros doce oficiais, que a historia recoñeceu como os Mártires de Carral. 

O alzamento en Lugo

Preparouse polas xuntas de conspiradores progresistas establecidas en Madrid, París, Londres e Lisboa, onde estaban exiliados liberais. En Galicia era o coordinador do golpe o exgobernador civil de Lugo, Vicente Alsina, o secretario era o santiagués Antonio Romero Ortiz e o xefe militar Miguel Solís que chegara da Coruña o día 2 co pretexto de repoñer a saúde.

O batallón de Infantería de Zamora saíu da cidade con destino a Valladolid, pero ao chegar a San Roque fixeron alto, mandáronlles cargar as escopetas e tomou o mando Solís, dirixíndose ao cuartel de San Fernando onde estaba o Provincial de Xixón, que distribuíu os seus efectivos pola poboación. Pecháronse as portas da muralla menos a de San Pedro, arrestaron a Benito Menacho, comandante da praza, ao comisario de Guerra, ao secretario da xefatura política, ao xuíz de primeira instancia e a varios oficiais que non quixeron participar.

Solís arengou ás tropas na Praza Maior. Ao final os berros foron: «¡Viva la reina libre y constitucional!», «¡Abajo la camarilla y el dictador Narváez!», «¡Abajo el sistema tributario!».

Gratificouse con ascensos a todos os cabos e sarxentos, os premios para os xefes e oficiais serían propostos a Xunta Soberana e a tropa subíronlle o haber un real e medio. As autoridades foron destituídas, a Deputación e o Concello disolvéronse por non ser elixidos segundo a Constitución, sendo substituídos polos elixidos en 1841, poñendo como alcalde a Manuel Becerra e Llamas, que a partir do día 10 sería o presidente dunha Xunta de Goberno que suprimiu «la odiosa institución llamada policía» expulsaron do Instituto aos catedráticos considerados moderados, nomean funcionarios, anularon contribucións e determinados impostos, deron unha paga aos funcionarios en activo, outra as monxas, eivados, viúvas e retirados da cidade.

O capitán xeneral Juan de Villalonga e Escalada restituía as autoridades, declarou o estado de sitio e aos revolucionarios fóra da lei para ser perseguidos e castigados; daba 24 horas para que fose indultada a clase de tropa que se separase da rebelión, quedando suxeitos os xefes e oficiais ás leis e coa posibilidade de ser indultados pola raíña, calquera persoa que colaborase directa ou indirectamente, sería xulgada en consello de guerra. 

Tropas gubernamentais

Para facer render aos sublevados a cidade foi sitiada polas tropas do xeneral José de la Concha. O xefe político destituído, Juan Ferreira, estaba en Nadela e encargouse de facer de intermediario da autoridade militar para pedirlle en varias ocasións á Xunta de Goberno que se rendese, pero non aceptaron.

Imaxe antiga do cuartel de San Fernando
Imaxe antiga do cuartel de San Fernando ABEL VILELA

Ofreceulles que non se perseguiría a ninguén polos feitos acaecidos, exceptuando aos xefes da rebelión, que se lles daría pasaporte para o estranxeiro non podendo regresar sen solicitar o indulto. Os oficiais implicados serían expulsados e os soldados incorporaríanse aos seus corpos.

O día 14 de abril estando o xeneral coas tropas en San Roque dilles que non pode recoñecer á Xunta nin a outro Concello que non fose o constitucional e o alcalde nomeado pola raíña, que era o que tiña que responder, e que se non o facía nunha hora quedaría sen efecto a oferta, non se facendo responsable das consecuencias.

Manuel Becerra respondeu que ese alcalde non estaba na cidade, que non podía entrar en tratos ou capitulacións porque o tiña que facer coa Xunta e que consideraba insignificantes os 1.200 soldados que compoñían as forzas do xeneral, que se retiraron.

O día 26 apareceu ante a cidade o capitán xeneral Villalonga que lles ofreceu unha rendición honrosa que rexeitaron, entón mandou romper o fogo lanzando corenta granadas e algunhas balas rasas causando danos na muralla. Na madrugada do día 27 a cidade foi tomada ao asalto, quedando afogada a rebelión que durou vinte seis días. 

Os Mártires de Carral

A que antes era a Praza do Comandante Manso en San Roque, onde se iniciou a sublevación, agora chámase Mártires de Carral, en memoria dos trece militares implicados na rebelión que foron fusilados o 26 de abril de 1846: Miguel Solís e Cuetos, Victor Velasco, Manuel Ferrer. Francisco Dabán, Fermín Mariné, Ramón José Llorens. Juan Sánchez. Ignacio de la Infanta. Santiago la Llave, Francisco Márquez, José Martínez e Felipe Valero.

Monumento dedicado ao Mártires de Carral no século XIX
Monumento dedicado ao Mártires de Carral no século XIX ABEL VILELA

Solís marchara de Lugo para Santiago, enfrontándose o día 23 en Cacheriras (Teo) coas tropas gobernamentais ao mando do xeneral José de la Concha. Despois retiráronse ao mosteiro de San Martiño Pinario e capitularon coa condición de entregar as armas e que sobre as súas vidas resolvería a raíña.

O día 24 a chamada comisión militar constituída o día 4 por orde do capitán xeneral, recibiu a súa orde para que se trasladase a Carral, onde recibiron un novo oficio ordenando que identificasen aos xefes e oficiais sublevados, que fosen postos en capela e fusilados ás tres horas, e dicir, sen xuízo, pero a comisión fíxoo para xustificar a pena capital.

Os prisioneiros chegaron de Santiago pola tarde do día 25. O 26 comezaron as declaracións, e condenados a morte foron fusilados preto da igrexa parroquial de Carral polas tropas mandadas polo coronel Andrés Francisco Cachafeiro, do Rexemento Provincial de Guadalaxara. 

O monumento

En 1855 as Cortes quixeron perpetuar o nome dos fusilados e do subtenente Antonio Samitier, fusilado en Betanzos o 4 de maio a pesar de ter o indulto. O Ministerio de Fomento concedeu 120.000 reás para que, no prazo dun ano, se levantase en Santiago un monumento. O Goberno concedeu a Cruz do Valor e Constancia a todos os que voluntariamente tomaron as armas, e a de San Fernando aos vinte e cinco nacionais que loitaran na acción de Cacheiras.

O monumento non o fixo o Estado, no mes de decembro de 1899 La Revista Gallega promoveu a iniciativa da Liga Gallega na Cruña, que fixo as xestións, reuniu os cartos e encargou o monumento ao arquitecto municipal de Lugo Juan Álvarez de Mendoza, que no mesmo ano fixera unha cruz dedicada pola Cruz Vermella aos soldados repatriados de Cuba mortos no sanatorio de Lugo.

Foi inaugurado o 22 de maio de 1904, e cedido a perpetuidade ao Concello de Carral.