Manuel Rodríguez: «O pan de Carral merece algún tipo de distinción»

Toni Silva A CORUÑA

CARRAL

Manuel Rodríguez amosa a contraportada que protagonizou no primeiro exemplar de El Comarcal.
Manuel Rodríguez amosa a contraportada que protagonizou no primeiro exemplar de El Comarcal. ANGEL MANSO

Leva anos loitando por unha marca para o produto local, pero a asociación xa desistiu

17 ago 2020 . Actualizado a las 09:55 h.

En maio do 2012, Manuel Rodríguez estreaba a contraportada de El Comarcal cunha entrevista realizada por Ángel Castiñeira. O presidente da Asociación de Panadeiros de Carral tiña entón a esperanza de conseguir o selo propio do pan deste municipio. Pero nestes anos, as esperanzas murcharon.

-Entón non imos ter denominación de orixe para o pan de Carral?

-Nada, ofrecen unha cousa que non nos interesa. Xa fomos varias veces e sempre nos fan igual, e xa non pelexamos máis. Non nos queren dar ningunha opción de poñer Carral como nome de marca. Nin na denominación de orixe nin tampouco nos queren destacar no selo de Pan Galego. A min iso non me interesa.

-Pois xa son moitos anos loitando.

-Home, cando empezamos a faba de Lourenzá aínda non tiña a denominación, tamén por entón a estaba a pedir. O anterior alcalde de Carral, José Luis Mouriño, xa dixo que non interesaba sumarse ao do Pan Galego sen que apareza Carral. Temos un Ferrari e compáranche cun Seat Panda. Así non, hai pans especiais, non somos os únicos, pero penso que merecemos algún tipo de distinción.