Antón Fernández Malde, arqueólogo: «Retomaremos as excavacións nas Travesas»

M.R.García A CORUÑA

CARRAL

CESAR QUIAN

«O grupo de arqueólogos britanicos fixo un gran traballo e agora son grandes embaixadores», afirma

27 jul 2020 . Actualizado a las 16:07 h.

Estes días anda con papelexo dos traballos no castro das Travesas e da exposición aberta a todos os públicos na Casa de Cultura de Carral para amosar os importantes restos arqueolóxicos e a historia deste amplísimo xacemento: o castro das Travesas ten doce hectáreas cando o normal na zona era unha. Antón Fernández Malde conta como desde a moi eloxiada exposición Galicia, un relato no mundo, que estivo na Cidade da Cultura de Santiago, pedíronlles un dos «pequenos tesouros» atopados nas escavacións do castro das Travesas: un anel.

-¿Por que é importante?

-É un anel do século V, de factura británica, do mundo bretón. É semellante ao anel de Colchester que apareceu despois deste e ten moitos paralelos. Este é un anel que veu de fóra pola relación que había, como xa dicía Xosé María Bello cando escavou na torre de Hércules, do entorno da Coruña con Britania.

-¿Teñen máis tesouros?

-Si, por exemplo unha moeda do emperador Valentiniano.

-¿Poden verse esas pezas?

-Temos unha colección visitable no museo de Carral. Son pezas moi relevantes e de interese social. Ademais no Concello temos dous castros: o das Travesas, no que faremos unha limpeza unha vez que pase isto [coronavirus] xa que medra moito a vexetación, e o de Tabeaio que un bo castro mariñao e tiña un entorno agrícola.

-¿Algunha pregunta curiosa dos visitantes?

-Preguntan polas casas do castro. Como estaban feitas con palla e barro desapareceron.

-¿Que tal foi a axuda que tiveron de arqueólogos ingleses nas escavacións?

-Viñeron grazas a un convenio de colaboración coa National Trust. Aínda que para nós supuxo un gran esforzo, sobre todo idiomático, fixeron un traballo moi grande porque tamén fomos ver outras escavacións como as de Cambre, Pena Furada... Así que cando marcharon convertéronse en grandes embaixadores.

-¿Volverán escavar nas Travesas?

-Retomaremos as escavacións pero despois da pandemia.