Javier Gestal, próximo alcalde de Carral: «Eu contaba coa maioría»

CARRAL

CESAR QUIAN

Aínda non falou co PSOE dun posible pacto, e opta pola prudencia

31 may 2019 . Actualizado a las 09:29 h.

Javier Gestal (Carral, 1957) logrou, na súa primeira vez en política e baixo as siglas de Alternativa dos Veciños, ser a lista máis votada e alzouse con cinco concelleiros, fronte aos cinco do PP e tres do PSOE. Onte reuníase co seu equipo para tomar decisións e unhas horas antes mostrábase cauto sobre lograr a alcaldía.

-Falaron co PSOE?

-Nin eu falei co PSOE, nin comigo falou ninguén, felicitáronme.

-A iniciativa correspóndelle.

-Estamos esperando, querémonos reunir o noso grupo, pero tivemos unha campaña moi esgotadora, de casa por casa. Eu pretendo dar un xiro a isto, pero a situación non é a máis idónea. O ideal sería empezar con maioría absoluta. Eu contaba con ela, falloume un 20 % da xente.

-Non lle parecen suficiente?

-Esperaba máis, polo que me dicían, aínda que o meu equipo xa me avisou que non me fiase, pero estou moi contento polo que recibín.

-Por que non tomou a decisión de presentarse antes?

-Tiven moitísimas ofertas, pero atopábame ben co meu traballo, pero veu Gelo por min e insistiume. É unha persoa encantadora e humana 100 %. Cando me chamou nunca antes o vira e paréceme extraordinario que empezara aos 25 anos a loitar polo seu pobo. Díxenlle que non dúas veces, volveume a chamar unha terceira e, nun xantar, caloume moitísimo. Decidín buscar un equipo bo para a maioría. Os que levo é para sacarlles o sombreiro, xente preparada, con ganas de traballar. A miña idea era loitar unha temporada e apartarme moi lentamente.

-Aspira a un só mandato?

-Faría dous, se me saíra ben este, pero tal como empezou non sei. Dóeme moito as ofensas, eu para José Luis (Mouriño) terei sempre loanzas, traballei con el 16 anos, xamais tiven nada con el, ao igual que con Pablo (Couto), un rapaz moi bo, pero ves que aquí a amizade e o cariño se che vai. Eu cando avisei a José Luis de que me presentaba díxenlle que esperaba que non se rompera a nosa amizade, e el contestoume que non me preocupara, pero vexo distancia. Como se crera que se meteu o raposo no concello, pero cando el entrou eu xa levaba 15 anos no Concello.

-Onde se situaba antes politicamente?

-Para min sempre foi o PSOE o partido a seguir, antes deste alcalde estivo Juan Manuel Vales, que é unha persoa extraordinaria, deixaba traballar, con el non había mesturas coa política.

-Teme que non haberá pacto?

-Non creo nada, aínda quedan 15 días, pero aquí Mouriño entrou cunha moción de censura a Vales entre PP e BNG.

-Couto propuxera unha unificación das esquerdas.

-Si que o dixera, pero non falou con ninguén. Eu tamén o apoiaría.

-Dando por feito a alcaldía, que é o primeiro que fará?

-Para nós unha das prioridades é a terceira idade e o ideal sería contar cun centro de día. O PXOM está sen aprobar, pese a que levan 16 anos, e é esencial.

-Como está o Concello?

-Pensamos facer unha auditoría, parece que está bastante endebedado.