Poetas Di(n)versos cerra hoxe etapa con dúas voces arxentinas

La Voz

CARRAL

ADRIÁN JUL

Por primeira vez nas sete temporadas do ciclo coinciden dous autores nacidos en Bos Aires pero con obra en galego

13 jun 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Mercedes Roffé e Eduardo Estévez participarán hoxe, ás 20.30 horas no auditorio do Ágora, no ciclo Poetas Di(n)versos. Este será o último recital desta temporada, a sétima. Como é habitual, a entrada é gratuíta e as intervencións teñen lugar baixo a condución da coordinadora do ciclo, Yolanda Castaño. Asegura a poeta coruñesa que esta iniciativa da concellería de Culturas «reúne mes a mes o mellor da poesía escrita en galego e en calquera outra lingua do mundo», e hoxe acollerá «aos primeiros autores arxentinos en sete anos de recitais». No acto «soarán versos orixinais en galego e en castelán, por vez primeira os dous poetas son nacidos no mesmo país». Bonaerenses os dous, Roffé e Estévez «escriben hoxe en día maiormente fóra de Latinoamérica: dende Nova York e o Val da Maía. Aínda que con frecuentes visitas á súa cidade natal, Mercedes Roffé dirixe hoxe dende a gran mazá un selo dedicado a publicar sobre todo poesía contemporánea de España e Latinoamérica, constituíndo ademais unha das voces máis recoñecidas da poesía latinoamericana actual», salienta Castaño.

Pola súa banda, Eduardo Estévez «instalouse en Galicia ata o punto de abrazar a nosa lingua coma o seu idioma de creación poética», explica a coordinadora. Tamén lembra que publicou unha ducia de títulos en galego que o fixeron unha das cabezas visibles da Xeración dos 90, formou parte do proxecto editorial Letras de Cal e os premios poéticos do Concello de Carral e o Eusebio Lorenzo Baleirón.