Vilariño recupera o son de Os Cinco de Galicia

Dolores Vázquez A CORUÑA

CARRAL

Dolores Vázquez

Carral congregou a decenas de músicos na homenaxe ao último integrante dese grupo de gaiteiros

07 nov 2015 . Actualizado a las 23:15 h.

A música de Os Cinco de Galicia volveu onte a Carral e fíxoo da man de Edmundo Vilariño Mosquera, o derradeiro integrante dunha formación que os gaiteiros recoñecen pola súa contribución a música tradicional do país. Animado por Raúl Galego, que xunto con Pepe Taboada, foron os promotores da homenaxe celebrada no ateigado centro Toñito Espiñeira de Carral, Vilariño tocou unha peza. A de onte foi unha festa coa que o pobo de Carral intentou devolver o cariño mostrado sempre por Os Cinco de Galicia, que acudiron durante cinco décadas a tocar as alboradas as festas patronais. Nunha cita con gaiteiros o programa tende a non cumprise e iso foi o que pasou nunha celebración que soubo a serán agás pola falta de espazo para botar unhas pezas. 

O carralés Fernando Taibo foi o encargado de lembrar as andanzas dun home que comezou tocando o clarinete en Muimenta, Lalín, e que collería a gaita no servizo militar, un instrumento que como se puido comprobar onte, segue sen esquecer, aos seus 87 anos. Polo escenario do centro social pasaron Millo Verde, o Grupo de Música Tradicional Arnela, Os Viqueiras de Ordes, unha formación improvisada integrada por exalumnos de Vilariño e Cántigas da Terra, coro ao que perteneceu o homenaxeado durante moitos anos. No público estaban moitos músicos cos que tocou e moitos ramistas, tamén os irmáns Seivane que se sumaron a homenaxe e ata o gaiteiro Pepe Temprano, nesta ocasión máis dedicado a deixar retratado para a posteridade o acto. Vilariño, acompañado pola súa dona e a viúva de Leonardo Corral, o impulsor de Os Cinco de Galicia, recibiu con serenidade o cariño de moitos amigos nun acto que Os Viqueira, coa súa música tamén quixeron lembrar a outros míticos gaiteiros que deixaron de tocar para sempre no 2015, como foi o caso do seu fundador Manuel Viqueira Vieites, O Gaiteiro de Vilaverde.

O primeiro ano que Os Cinco de Galicia non acudiron a cita coas festas, Carral agasallou ao último deles cunha.