
Erundina Prado foi concelleira de Cambre entre 1999 e o 2011, onde ocupou varias áreas. Finou aos 82 anos
08 jun 2022 . Actualizado a las 08:42 h.Entusiasta, preocupada, activa e implicada. Erundina Prado Arcay (1 de marzo de 1940) ou, como todo o mundo a coñecía, Arita, era iso e moito máis. Estas calidades acompañárona ao longo dos seus 82 anos de vida. Entre 1999 e o 2003 foi concelleira de Cultura, Muller e Festexos de Cambre. Despois foi responsable de Facenda e Patrimonio e, nun último mandato (do 2007 a 2011), edil de Cultura e Turismo. Ocupou áreas moi distintas nas que soubo cultivar o afecto e respecto dos traballadores municipais.
Estivo ao fronte do certame municipal de pintura, e tamén doutros eventos de gran calado, como o Entroido Pequeno Máis Grande do Mundo e o Rock in Cambre. Puxo, en definitiva, o seu grao de area para facer que estas citas foran o que son hoxe en día.
Á súa faceta na institución hai que sumar, ademais, o seu interese pola participación e o asociacionismo, unha inquedanza que sementou, fundamentalmente, en Sigrás, tanto na Asociación de Amas de Casa como en Sementeira Cambre. Hoxe, tócanos dicirlle adeus a Arita tendo claro que a súa pegada permanecerá, por sempre, imborrable na memoria de todos os veciños e veciñas. O Concello de Cambre envía o seu máis sentido pésame aos seus familiares e amizades.