«Non é habitual que os homes recoñezan a valía dunha muller»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

CAMBRE

ANGEL MANSO

Sorprendeulle gratamente que tres escultores a elixiran para ingresar na Academia Galega de Belas Artes

27 oct 2018 . Actualizado a las 10:54 h.

O estudo, a salvagarda e a divulgación das artes e por conseguinte do patrimonio cultural galego son os obxectivos que persegue a Real Academia Galega de Belas Artes, unha institución fundada no ano 1849. Hoxe a escultora Soledad Penalta (Noia, 1943), afincada en Cambre, ingresa na entidade nun acto no Teatro Coliseo Noela. O nomeamento constitúe para ela un premio ao esforzo, a unha dilatada traxectoria que forxou nun eido no que só se desenvolvían os homes.

-Como recibiu a noticia do seu ingreso na Real Academia?

-Para min foi unha sorpresa inmensa. Traballo desde hai moitos anos, pero sempre pensando en amosar a miña obra e en que os meus traballos sexan seleccionados, non en recibir distincións. O feito de que foran tres escultores os que me nomearan (Manolo Paz, Ignacio Basallo e Acisclo Manzano) é para min destacable, xa que non é habitual que os homes recoñezan a valía dunha muller.

-É duro ser unha muller escultora coma vostede?

-É menos duro que antes, pero seguen existindo diferenzas. Por fortuna, hoxe as mulleres son máis valentes. Cando eu empecei a traballar o ferro e tiña que ir a algún taller, pois algunhas pezas requirían grandes infraestruturas, sentía a reticencia dos homes, pero eu seguía adiante. Por sorte, hoxe a muller empeza a ocupar o lugar que lle corresponde, e se é valida, pode chegar a onde queira. Aínda que a min non me afectou a discriminación á hora de traballar, porque nunca lle dei importancia, si que sufrín a eliminación en exposicións e en proxectos polo feito de ser muller, e non só por parte dos homes, tamén por algunhas comisarias.

-Por que sendo un mundo masculino se decantou vostede polo ferro?

-Eu empecei coa cerámica en Barcelona, onde estiven cinco anos, material co que continuei ao meu regreso a Galicia, fundando un taller propio en Cambre. No ano 1989, cando eu xa estivera expoñendo por toda Galicia e mesmo viaxara a Italia para mellorar o meu método, concedéronme unha beca para ir aos Estados Unidos. Unha vez alí, o decano da Facultade de Minnesota, que era escultor, propúxome coñecer o comportamento de novos materiais, como o bronce, o aluminio e o ferro. Foi un cambio radical, pero nada máis regresar á casa, no 1991, decidín transformar o meu estudio nunha fundición.

-Mirou algún día con nostalxia cara ao pasado?

-Non, nunca dei un paso atrás. O único, que empecei fundindo os materiais, pero debido a un grave problema de saúde derivado dos gases do aluminio vinme na obriga de deixar esta faceta aparcada e empecei a traballar con pranchas, pasándome ao metal soldado.

-Desa intensa e longa traxectoria que ten ás súas costas, cales son os mellores recordos que garda na retina?

-Realmente non miro atrás, só adiante. Todo foi importante na miña vida e cada etapa enriqueceume. Gustoume tanto recibir o Premio Barbantia coma o Isaac Díaz Pardo que me concedeu o Concello da Coruña, este foi o primeiro galardón que recibín, cando aínda traballaba a cerámica. Podería dicirse que foi o que me impulsou a continuar a miña carreira de artista.

-Que pensa que lle pode achegar á Real Academia Galega de Belas Artes?

-Eu comprométome a traballar. A Real Academia é unha institución que sempre se distinguiu pola defensa das artes en tódolos seus eidos e quero ir mergullándome nela pouco a pouco para ver que podo facer.